Profesionais de diversos ámbitos únense en Marín para abordar a violencia de xénero

Marín
09 de novembro 2024

Dentro da programación polo 25N está incluído o proxecto 'Xornadas de Violencia de Xénero: unha mirada integral', onde profesionais abordarán a violencia de xénero desde varias perspectivas

Edificio do Concello de Marín coa pancarta do 25N
Edificio do Concello de Marín coa pancarta do 25N / Concello de Marín

O Concello de Marín, a través do Centro de Información á Muller (CIM), está a preparar unha intensa programación para este mes de novembro con motivo da celebración do 25N, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.

Indican que a violencia machista debe abordarse desde distintos puntos de vista para poder seguir traballando na loita contra ela, por iso están a organizar unha serie de xornadas abertas a toda a cidadanía, aínda que especialmente dirixidas a profesionais de ámbito sanitario, xurídico, policial, educativo e social.

Nelas está incluído o proxecto 'Xornadas de Violencia de Xénero: unha mirada integral', que se celebrarán o 20 e 21 de novembro no Museo Manuel Torres.

A inauguración será o mércores 20 ás 16:30 horas a cargo da alcaldesa, María Ramallo, e da xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno de Pontevedra, María José Rodríguez Pérez.

Despois, ás 17:00 horas, darán comezo as mesas coloquio que arrincarán cunha centrada no ámbito xurídico-policial, na que participarán a fiscal da Fiscalía Provincial de Pontevedra, Paula Blasco Muela, e o xefe da Comisaría de Policía Nacional de Marín, Javier Rodríguez Fos.

Despois dunha pausa, será a quenda da mesa sobre intervención asistencial, onde participarán a directora do Centro de Emerxencia de Vigo, María Elena Molanes Piñeiro; o referente en Pontevedra do Servizo de Teleasistencia a Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero, Silvia Abejera Barros, e a responsable da coordinación do Punto de Encontro Familiar de Pontevedra, Andrea Abilleira Escudero.

Ao día seguinte, o xoves 21, as xornadas arrincarán ás 17:00 cunha mesa centrada no ámbito socio-sanitario. Nela participará o terapeuta do programa de Atención a Homes 'Abramos o círculo' así como doutros programas, Raúl Casariego, e o axente de Igualdade do Concello de Lalín, Celso Taboada.

A clausura será ás 18:30, por parte da alcaldesa, por parte da alcaldesa e do director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, Roberto Barba Madroño.

Para poder participar nas charlas é necesario inscribirse a través da sede electrónica do Concello de Marín.