Este mércores 26 de marzo a profesión veterinaria protagonizou actos de protesta en Pontevedra.
Máis dun centenar de persoas concentráronse fronte á Subdelegación do Goberno e ante as oficinas da Administración Xeral do Estado, na rúa Michelena.
Ademais, houbo peches parciais dos establecementos veterinarios que decidiron secundar esta xornada de paro.
Esta mobilización convocouse para mostrar o malestar deste colectivo ante a situación que vive, sendo a pinga que colmou o vaso, a entrada en vigor do Real Decreto 666/2023 vixente desde xaneiro, que regula a dispensación e o uso de medicamentos nas clínicas veterinarias.
Entre as súas demandas, reclamaron a consideración plena da veterinaria como unha profesión sanitaria "que traballa pola saúde pública e o benestar animal".
Durante esta protesta, leuse un manifesto consensuado a nivel nacional no que se recollen as actuacións que desembocaron na situación de conflito, entre elas, que non se convocasen prazas de formación sanitaria especializada a licenciados en Veterinaria ou o IVE do 21% co que se grava aos establecementos veterinarios de animais de compañía.
Tamén criticaron que en toda Europa os establecementos veterinarios están autorizados para a venda de medicamentos veterinarios, sendo os únicos países nos que non está permitido en España e Italia.