Volve a feira de artesanía de Ponte Caldelas. O pavillón de deportes acollerá, este domingo 4 de novembro, a terceira edición dun evento que nesta ocasión xuntará a 35 expositores chegados dende toda Galicia, que ofrecerán un ampla variedade de produtos feitos a man.
A actividade foi presentada no Concello pola organizadora, Arantxa Esperón, máis coñecida como Arantxa das miñas mans, e o alcalde, Andrés Díaz. O rexedor aplaudiu esta iniciativa feita dende Ponte Caldelas e que é quen de atraer, ano tras ano, a prestixiosos artesáns.
Nos postos poderán atoparse creacións artesáns con area de cores, roupa de lá, tallado de vidro, madeira tallada, cerámica, bixutería, xoguetes de madeira, xabóns naturais, coiro, mandilóns impermeables e moitas máis cousas. Hai tamén un oco para a gastronomía cun posto de cervexa Meiga e outro cun produtor de queixo, pementón e allo negro.
Outras das novidades chegarán coa presenza dun experto en confección de moscas de pesca ou cun artesán que elabora réplicas de petróglifos sobre unha base de cerámica.
O público que se achegue ademais de poder participar en obradoiros, poderá gozar tamén da música en directo dos Xeitosos da Insua e As Sete Faixas.
A asistencia á feira, que pretende ser ante todo unha experiencia lúdica para o visitante, é completamente gratuíta.