Prisión para dous detidos no Salnés por un alixo de 12 quilos de heroína

O Salnés
22 de setembro 2022
Actualizado: 17:58

Tres detidos pasaron a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Cambados este xoves  investigados por un delito contra a saúde pública e a xuíza decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza de dous. O terceiro queda libre coa obriga de comparecer semanalmente no xulgado, acordouse a retirada do pasaporte e non poderá abandonar o país

Patrulla da Policía Nacional
Patrulla da Policía Nacional / Mónica Patxot

Dous dos detidos na última operación antidroga que continúa aberta na comarca do Salnés, dirixida a unha rede dedicada ao tráfico de heroína, foron enviados a prisión este xoves. 

Esta semana a Policía Nacional realizou a terceira fase dunha actuación máis global centrada no tráfico de heroína que tamén ten ramificacións en Portugal e na que, ata o de agora, houbo doce detencións.

Dentro desas primeiras fases da operación, o pasado mes de marzo incautouse un alixo de 12 quilos de heroína, no que supostamente están implicados todos os investigados, tamén os detidos nesta terceira fase. A droga incautouse en Portugal e está pendente de finalización un informe do laboratorio sobre a substancia que aínda non está no xulgado cambadés porque se buscaba non alertar aos investigados nas primeiras fases de que a operación seguía en marcha. 

Os detidos esta semana foron tres e un cuarto figura como investigado. Ademais, esta semana realizáronse unha serie de rexistros en domicilios e naves de Ribadumia, Meis, Meaño, Sanxenxo e Barro. Nesta fase da operación incautáronse tan só pequenas cantidades de substancia estupefaciente. 

Os tres detidos pasaron a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Cambados este xoves e, a primeira hora da tarde, a xuíza decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza de dous. Son dous detidos na comarca do Salnés.

A xuíza de Cambados decretou a posta en liberdade do terceiro, que foi arrestado en Ponteareas. Este investigado queda libre, pero coa obriga de comparecer semanalmente no xulgado. Ademais, acordouse a retirada do pasaporte e a prohibición de abandonar o territorio nacional.

Os tres están investigados por un delito contra a saúde pública.

Na causa hai unha cuarta persoa investigada, que se atopa en paradoiro descoñecido.