Prisión para catro dos 20 detidos na última operación antidroga con epicentro no Salnés

Pontevedra
04 de outubro 2024

Este venres pasaron a disposición xudicial en Cambados nove detidos. A Fiscalía só solicitou o ingreso en prisión de catro. Para o resto, a xuíza acordou a súa posta en liberdade con comparecencias mensuais no xulgado. A causa de segue polos delitos de tráfico de drogas,  contrabando e pertenza a organización criminal 

Xulgados de Cambados
Xulgados de Cambados / Mónica Patxot

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 4 de Cambados acordou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza de catro dos 20 detidos na última operación antidroga desenvolta esta semana no Salnés.

Este venres pasaron a disposición xudicial en Cambados nove detidos mentres que o resto xa quedaron en liberdade tras prestar declaración en sede policial.

A Fiscalía só solicitou o ingreso en prisión de catro dos nove que compareceron este venres. Para o resto, a xuíza acordou a súa posta en liberdade con comparecencias mensuais no xulgado.

A causa séguese polos delitos de tráfico de drogas,  contrabando e pertenza a organización criminal.

A operación, bautizada Ceira, realizárona de forma conxunta a Policía Nacional, a Garda Civil e o Servizo de Vixilancia Aduaneira. Comezou na madrugada do martes ao mércores e segue aberta e baixo secreto de sumario no Xulgado de Instrución número 4 de Cambados. 

A organización desarticulada nesta operación está centrada nas redes de fabricación de narcolanchas que logo se dedican nas actuacións de tráfico de drogas. Neste sentido, destaca a incautación de moldes para a fabricación de embarcacións e tamén de varias planadoras.

Respecto diso, o subdelegado do Goberno do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, confirmou o xoves que "estamos a falar dunha organización dedicado ao narcotráfico" e que hai unha "ramificación sobre construción de planadoras vinculadas ao narcotráfico".

Nesta operación resulta destacada a incautación dunha "significativa cantidade" de heroína, superior aos 20 quilos, así como dunha plantación de marihuana. Losada sinalou este xoves que supón un "comiso de droga importante".

O epicentro é a provincia de Pontevedra e, en particular, a comarca do Salnés, e tamén ten ramificacións na provincia da Coruña e en Portugal. Bautizouse como 'Ceira' en alusión a unha localidade de Portugal relacionada coa actividade de narcotráfico.