O Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra enviou a prisión a José Antonio Lusquiños Bustelo, 'Coco', como presunto autor da morte a coiteladas da súa ex noiva en Ponche Sampaio. O home, de 34 anos, pasou a disposición xudicial na mañá deste domingo e, tras dúas horas de comparecencia, o xuíz decidiu decretar o seu ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza.
O home pasou a noite nos calabozos da Comisaría Provincial da Policía Nacional en Pontevedra despois da súa detención na mañá do sábado por parte da Garda Civil na casa dos seus pais en Soutomaior e sobre as 10.15 horas entrou nos xulgados da Parda. Pouco antes das 13.00 horas abandonaba o edificio xudicial con destino á prisión pontevedresa da Lama.
Fontes xudiciais confirmaron que o home si prestou declaración ante o o xuíz instrutor, pero non transcendeu o contido do seu relato.
O propio xulgado confirmou que non seguirá encargándose deste caso. Colleuno na madrugada do sábado ao atoparse de garda cando se realizou o aviso da aparición de Conchi Reguera Peón tirada na rúa na Rúa da Ponte e, posteriormente, confirmarse a súa morte e a detención do presunto autor da mesma.
Con todo, a partir de primeira hora deste luns o procedemento pasará a tramitalo o Xulgado de Instrución número 3, especializado en violencia sobre a muller. Na Fiscalía desde o primeiro momento asumiuno a fiscal especializada, Marta Durántez.