Príncipe Felipe e o Pazo de Lourizán, entre as "posibles" transferencias entre Deputación e Xunta

Pontevedra
27 de febreiro 2017

A transferencia de centros e servizos entre a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia parece estar máis preto que nunca. Así se desprende o resultado da reunión que mantiveron este luns en Santiago de Compostela os titulares de ambas as administracións, Carmela Silva e Alberto Núñez Feijóo, respectivamente

Reunión entre Carmela Silva e Núñez Feijóo, acompañados por Mosquera e Rueda
Reunión entre Carmela Silva e Núñez Feijóo, acompañados por Mosquera e Rueda / Xunta de Galicia

A transferencia de centros e servizos entre a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia parece estar máis preto que nunca. Así se desprende o resultado da reunión que mantiveron este luns en Santiago de Compostela os titulares de ambas as administracións, Carmela Silva e Alberto Núñez Feijóo, respectivamente.

Ambos, que estiveron acompañados dos seus vicepresidentes -César Mosquera e Alfonso Rueda-, acordaron estudar a situación das competencias que exerce cada un e que, segundo marca a lei, non lles corresponden. O obxectivo, segundo Rueda, é que Xunta e Deputación se coordinen e analicen "o que estamos a facer" para tentar ser "o máis eficaces posibles".

Neste encontro, cualificado como "cordial" por todos os asistentes, a Deputación expuxo que unha serie de competencias e servizos deberían ser exercidas pola Xunta, "e tamén ao revés", matizou o vicepresidente galego, baixo o criterio que Rueda resumiu na frase "unha administración, unha competencia, un servizo".

A este respecto, o goberno provincial achegará "datos concretos" sobre custos, postos de traballo ou o funcionamento de todo aquilo que queira transferir, para que a Xunta teña unha "fotografía real" da situación e poder estudar que as exerza "quen sexa o máis idóneo", segundo explicou Alfonso Rueda ao remate desta reunión.

A situación de Pontevedra, segundo referiu Carmela Silva, é máis grave que noutras provincias. "Levamos na mochila", dixo, centros e servizos que teñen a súa orixe "nos anos 50 e 60" e que, ao non ser transferidos no seu día á Xunta, xeran "dificultades" na xestión provincial ao ter que destinar a eles uns 22 millóns de euros anuais.

Príncipe Felipe foi un dos exemplos concretos que expuxo a presidenta da Deputación. A cidade infantil é, para Silva, unha "illa estraña" dentro do organigrama provincial, polo que espera que a partir do estudo que realizará o goberno provincial "podamos sentarnos a traballar sobre a posible transferencia".

Ademais, a presidenta da Deputación citou tamén a escola de Enfermería, a Escola de Cantería, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro ou a Finca de Mouriscade; así como servizos que se prestan a nivel provincial como a teleasistencia, programas asistenciais ou as axudas a cooperativas agrarias e confrarías pesqueiras.

Carmela Silva mostrou tamén a súa disposición para estudar a posibilidade do traspaso á Xunta do Pazo de Lourizán, para o que insistiu na urxencia de que o goberno galego acometa a súa rehabilitación integral e aposte pola construción dun centro de investigación forestal público, como recolle o convenio asinado entre ambas as administracións.

OUTROS ASUNTOS

No encontro con Núñez Feijóo, a titular da deputación pontevedresa reclamou á Xunta que asuma a xestión de ata quince estradas -o goberno galego fixo o propio con outras tantas-, que deseñe un plan de actuación en centros educativos e sanitarios da provincia ou que aprobe unha nova repartición para o financiamento dos concellos.

Carmela Silva instou tamén a redefinir o mapa de emerxencias na provincia, de forma que a través do consorcio contra incendios e salvamento póidase lograr unha rede "máis axeitada" ás necesidades de Pontevedra que permita cubrir os "lugares de sombra" que existen na prestación do servizo de bombeiros.

A este respecto, Alfonso Rueda coincidiu en que a lei actual atribúe ás deputacións e aos concellos unha serie de competencias en materia de emerxencias que, actualmente, exerce a Xunta. O mesmo pasa, sinalou, con obras de saneamento ou abastecemento de auga. Son cuestións, explicou, que haberán de abordarse "de xeito rigoroso".

A presidenta da Deputación pediu a Núñez Feijóo, por último, que actúe como interlocutor con Fomento para lograr a conexión do AVE entre Vigo e Ourense por Cerdedo, a saída ferroviaria entre Pontevedra e o norte de Portugal, as autovías A-57 e A-59 ou a transferencia a Galicia da autoestrada AP-9.