A princesa Leonor será a primeira Filla Adoptiva que ten Marín

Marín
15 de novembro 2024
Actualizado: 8:07

Aprobado o inicio do expediente para nomear á Leonor de Borbón y Ortiz como Filla Adoptiva de Marín, co que será a primeira muller á que se lle outorga esta distinción

Primeiro día na Escola Naval da Princesa de Asturias
Primeiro día na Escola Naval da Princesa de Asturias / Casa Real

O Pleno da Corporación celebrado este martes aprobou iniciar o expediente para propoñer o nomeamento da Princesa de Asturias, Leonor de Borbón e Ortiz, como Filla Adoptiva de Marín.

Tal e como explicou a alcaldesa da vila, María Ramallo, Marín ten "un forte vínculo establecido coa Casa Real" por ser sede da Escola Naval Militar, onde a Princesa, así como fixo no seu día seu pai, o rei Felipe VI, está a realizar unha parte da súa formación castrense. "Ese vínculo marca toda a súa traxectoria, así como o que a une a outras cidades nas que se formou e formará".

Ramallo asegurou que "para nós, como Concello, é un orgullo, como xa foi no seu día co actual rei, poder outorgar esta distinción".

Posteriormente, publicarase no Taboleiro de Anuncios na Casa Consistorial e na Sede Electrónica para que estea dispoñible para a cidadanía.

Despois, aprobarase definitivamente o expediente e marcarase unha data para o acto de nomeamento, "un acto de moita importancia para o noso Concello".

Poder participar nunha academia de alto rendemento como é a Escola Naval, que tamén é campus da Universidade de Vigo, tal e como está facendo a Princesa e todos os seus compañeiros e compañeiras de promoción "é un privilexio ao que se chega con moito esforzo e adicación académica", engadiu a rexedora.

O ano pasado a princesa Leonor recibiu o título de Filla Adoptiva de Zaragoza.

Á herdeira entregáronlle o bastón de mando da cidade, como o portou o seu pai, o rei Felipe VI, cando recibiu o mesmo título en 1986.