O pleno da corporación municipal de Poio aprobou un dos primeiros trámites necesarios para materializar o plan integral deseñado polo Concello para habilitar ata 80 prazas de aparcamento reservadas para residentes no casco histórico de Combarro.
Para iso, impúlsase a cesión de varias parcelas situado no Paseo das Redeiras, no ámbito do porto deportivo. Son en concreto tres espazos que ata o de agora pertencían a Portos de Galicia e que, grazas a este acordo, pasarán a ser de xestión municipal.
Dous destes terreos xa se utilizan na actualidade como estacionamento e, mediante este convenio, pasarán a ser de uso para residentes no casco histórico.
A maiores, contémplase habilitar 25 novas prazas de estacionamento e esparexemento.
Para este fin modificarase o emprazamento do parque infantil que hai no paseo mediante unha actuación que, segundo destacou a edil Marga Caldas, responsable de Seguridade Cidadá, será "totalmente respectuosa coa contorna".
A área de xogos trasladarase a outro enclave máis próximo ao núcleo. Aproveitarase ese traslado para facer unha mellora importante do parque, con novos aparellos.
As persoas residentes no núcleo de Combarro contará con preto de 80 prazas, o que segundo Caldas "dará resposta a unha demanda histórica", dadas as dificultades que experimentan na época estival para estacionar os seus vehículos.
Esta medida, garanten desde o Concello, non limitará as prazas libres para visitantes, xa que o plan contempla reverter máis prazas na zona portuaria.
A concesión demanial contempla, asemade, a cesión do espazo necesario para acometer a mellora do peche cuberto da nave de piragüismo.
Ademais, Marga Caldas lembrou que o Concello xestionou a adquisición de parcelas de titularidade privada, de cara a convertelas en aparcadoiros disuasorios proximamente.