Primeiro paso para os estudos sobre Santa Clara, "unha cápsula no tempo que durante 750 anos estivo totalmente illada"

Pontevedra
04 de xaneiro 2022

Este martes realizouse unha visita técnica para recoller datos que se incorporarán ás bases do prego de contratación dos estudos arqueolóxicos, histórico-artísticos e de construción do convento e da horta. Serán estudos breves de dous meses e medio que suporán "un principio para poder ver cara onde hai que avanzar"

Visita técnica a Santa Clara
Visita técnica a Santa Clara / Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra deu este martes o primeiro paso para poñer en marcha os estudos necesarios para coñecer "os misterios" que levan séculos agochados entre os muros do convento de Santa Clara, un paso necesario de cara a empezar cun proceso de posta en valor do edificio e o seu posible futuro como parte da institución provincial.

Este primeiro paso foi unha visita técnica realizada na mañá deste martes polo vicepresidente da Deputación Provincial, César Mosquera; o concelleiro de Urbanismo de Pontevedra, Xaquín Moreda; o director do Museo, Xosé Manuel Rey; a directora de xestión, Sonia Mateos; a directora de coleccións do Museo, Ángeles Tilve; a xefa da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Carmen Salinero; o arqueólogo provincial Rafael Rodríguez; e o arquitecto dos proxectos construtivos Javier Reboreda. 

Esta visita serviu a este equipo técnico para recoller datos que se incorporarán ás bases do prego de contratación dos estudos arqueolóxicos, histórico-artísticos e de construción do convento e da horta de Santa Clara.

Logo da visita, o director do Museo concluíu que "Santa Clara é unha cápsula no tempo que durante 750 anos estivo totalmente illada e entramos hoxe cunha perspectiva totalmente diferente" e Mosquera insistiu en que esta visita e os posteriores estudos son fundamentais porque "temos que saber moitas cuestións para empezar a traballar, como punto de partida".

Esta é a primeira acción da Deputación logo da sinatura dun convenio co Concello de Pontevedra para estudar se Santa Clara pode formar parte do Museo e Mosquera destacou que resulta imprescindible coñecer o estado das instalacións e tamén cal foi a súa evolución ao longo do tempo co fin de poder distinguir os elementos máis relevantes a conservar ou a descartar no que, segundo as previsións e intencións da Deputación, pasará a ser un novo edificio do Museo. 

Con esta visita búscase afinar ao máximo as cuestións que deben estar incluídas nos estudos que se van contratar e que, segundo o director do Museo, deberán estar feitos previsiblemente en dous meses e medio despois da adxudicación.

Aínda que os traballos completos poderán implicar dous ou tres anos de actuación dun equipo multidisciplinar, nesta primeira fase vaise optar por un estudo inicial desa duración de dous meses e medio. Segundo Xosé Manuel Rey, os traballos que se van contratar non serán de tipo finalista, senón "un principio para poder ver cara onde hai que avanzar". A partir de aí será preciso ampliar os estudos.

Entre outras cuestións, Mosquera centra a súa atención na localización dos enterramentos, pois hai un burato no tempo no que non se sabe onde se fixeron, e tamén na historia do claustro orixinal. 

O vicepresidente insiste que estes traballos suporán "un antes e un despois no coñecemento da historia de Pontevedra", pois Santa Clara xa tiña tempo cando se fixo a basílica de Santa María ou o santuario da Peregrina, por iso é polo que a Deputación non vai "racanear" para este estudo.