Primeiro paso para o proxecto de destapar o treito soterrado do Gafos: encargado o estudo de viabilidade

Pontevedra
06 de outubro 2019

O obxectivo é que permita ter unha diagnose exhaustiva da situación e propoña alternativas que sexan viables a nivel técnico e, ao mesmo tempo, capaces de formular unha recuperación naturalizada e de elevada calidade. O documento supón un investimento de 18.000 euros e estará rematado nun prazo de catro meses

Limpeza do tramo final do río dos Gafos
Limpeza do tramo final do río dos Gafos / Concello de Pontevedra

O proxecto para destapar o treito soterrado do río dos Gafos, que discorre entre as rúas Alcalde Hevia e Xeneral Rubín, está un paso máis preto. O Concello de Pontevedra aprobou esta semana a contratación do estudo de viabilidade da que será unha das prioridades do mandato para o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes.

O edil destacou que esta contratación supón dar o primeiro paso en firme para facer realidade a "tan ansiada aspiración" da veciñanza e dos colectivos ecoloxistas da cidade, en particular da asociación Vaipolorío, de acadar a recuperación paisaxística na contorna do tramo soterrado.

O estudo técnico encargouse á firma consultora Nortap Ingenieros SL e supón un investimento de case 18.000 euros. Prevese que estea rematado nun prazo duns catro meses

O documento incluirá a recompilación da documentación dispoñible sobre as características orixinais do cauce do río, da súa historia e das modificacións que sofriu ao longo dos anos. O obxectivo é que permita ter unha diagnose exhaustiva da situación e propoña alternativas que sexan viables a nivel técnico e, ao mesmo tempo, capaces de formular unha recuperación naturalizada e de elevada calidade.

Segundo a información facilitada, o estudo definirá as alternativas paisaxísticas e de restauración ambiental, contemplando aspectos relativos ao funcionamento da actividade urbana e ao uso das infraestruturas e das zonas verdes por parte da veciñanza.

Entre outras cuestións, o estudo de viabilidade de Nortap analizará as alturas de inundación a través da modelización informática das mesmas, coa finalidade de deseñar un cauce adaptado a episodios de fortes choivas e enchentes. Dito exame levarase a cabo mediante o programa HEC-RAS (Hydrologic Engineering Center-River Analysis System), desenvolvido polo corpo de enxeñeiros do exército dos Estados Unidos e empregado mundialmente en estudos hidrolóxicos por parte de, entre outras entidades, as confederacións hidrográficas do Estado e o organismo autonómico Augas de Galicia.

Iván Puentes lembra que este é o primeiro dos tres pasos incluídos na folla de ruta deseñada para a recuperación do tramo soterrado do Gafos. Os seguintes serán elaborar unha memoria de valoración das actuacións e deseñar un proxecto de recuperación integral para o treito entre a avenida de Vigo e a desembocadura nas Corbaceiras.

A súa intención, xa anunciada semanas atrás, é que o proxecto vaia tomando forma ao longo deste mandato. Aínda que o Concello non dispón de capacidade económica para executar a totalidade das obras, Puentes conta coa garantía dos 600.000 euros das achegas dos fondos europeos DUSI que foron especificamente aprobados para a rexeneración de marxes fluviais en treitos urbanos, unha contía que permite financiar o estudo de viabilidade, a memoria e a elaboración do proxecto, así como boa parte das actuacións. En calquera caso, o concelleiro socialista xa anunciou a súa intención de acadar a implicación doutras administracións públicas, como a Xunta de Galicia.

LIMPEZA DO TRAMO FINAL 

Por outra parte, operarios do servizo municipal de Medio Ambiente finalizaron nas pasadas xornadas un zafarrancho de acondicionamento e limpeza en profundidade do último treito do Gafos, en concreto, do que discorre entre a rúa Rosalía de Castro e a desembocadura do río. Os traballos consistiron nunha concienzuda eliminación de maleza, silveiras e malas herbas.