Primeiro falecemento por coronavirus en Pontevedra: un home de 81 anos con múltiples patoloxías

Pontevedra
15 de marzo 2020

Trátase dun home de 81 anos con varias patoloxías previas que permanecía ingresado e illado no Hospital Montecelo desde o pasado luns. É un caso importado de coronavirus que chegara á provincia procedente de Madrid, segundo fontes sanitarias

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Cristina Saiz

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistrou a última hora deste sábado o primeiro falecemento por causa directa do coronavirus. Trátase dun home de 81 anos con varias patoloxías previas que permanecía ingresado e illado no Hospital Montecelo desde o pasado luns.

Segundo a información oficial facilitada por fontes sanitarias, o paciente dera positivo na proba de coronavirus realizada polos especialistas do Servizo Galego de Saúde. É un caso importado de coronavirus que chegara á provincia procedente de Madrid.

A última actualización de datos oficial realizada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade na mañá deste sábado sinalaba que o número de casos confirmados de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ascendía a 13, dous máis que na serán do venres. Cinco deles estaban hospitalizados e oito en illamento nos seus domicilios.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas puxo ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e para outros colectivos.