Primeiro día de pesca e captura unha troita xigante en Serrapio de 2,09 quilos e 56 centímetros: "É impresionante"

Umia
19 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Ramón Gómez Reboredo é un veciño de Campo Lameiro que pesca desde neno no río como fórmula antiestrés. Neste domingo era capaz de capturar este gran exemplar despois de pelexar con el durante máis de dez minutos. Entregou o peixe a Jéssica, unha moza embarazada que antes de ir de pesca, como sortilexio, xa lle dixo que tiña antollo de troita

Troita de gran tamaño capturada por Ramón Gómez
Troita de gran tamaño capturada por Ramón Gómez / PontevedraViva

Este domingo 17 abríase a xornada de pesca en augas continentais cunha cota de captura na que os exemplares deben ter unha dimensión mínima de 40 centímetros.

Ramón Gómez Reboredo capturaba nesta xornada inicial unha troita que superaba con fartura esa medida. A troita pesaba 2,09 quilos e o seu tamaño era de 56 centímetros. 

Este particular pescador, que non come troita, achegouse en solitario ás tres e media da tarde ata o lugar de Serrapio para pasar a tarde esperando que picase algún exemplar no afluente do Lérez que baixa de Quireza.

Capturou unha peza ao pouco de chegar pero de dimensións normais. "Era unha tarde desas medio tonta... e caeu ese fenómeno. É impresionante", comenta Ramón ao narrar o momento en que sobre as cinco da tarde asomábase a xigantesca troita.

"Téñoas vistas grandes, pero tan grande non", afirma este pescador de río que xustifica a captura dicindo: "equivocouse. A verdade é unha alegría moi grande. Unha así é case imposible de coller. As grandes van a outro tipo de cebos. É raro que vaian á cucharilla", explica orgulloso.

Coñecedor do Lérez desde pequeno asegura que está sorprendido coa sorte de atrapar unha peza deste tamaño: "é unha lotaría. Unha así, grandísima, é case imposible. Non é fácil engañalas. Non sei se porque son máis listas".

Recoñece que "aínda tivemos que discutir un pouco porque non quería entregarse". O enfrontamento durou máis de dez minutos. "Non o imaxinaba, nin pensalo nin por equivocación", admite este home que pesca como método antiestrés.

A súa afección é tan grande que mesmo despois de lograr a captura continuou, coma se tal cousa, pescando: "seguín insistindo e algunha máis caeu. Eu son dos que se aburren elas de min ou eu delas. Eu vou ao río porque me gusta, non polas troitas. A min aí acábaseme o mundo".

Ramón regala despois as súas pezas ás súas amizades e, neste caso, tiña claro o destino da troita, a súa amiga Jéssica, que está embarazada dunha nena, Cloe. O día anterior ela, como sortilexio, díxolle que tiña antollo de troita. "Cadrou así. Estou moi contento", recoñece.

O primeiro que fixo ao pescar a troita foi enviar unha mensaxe cunha foto a outro gran afeccionado á pesca, o ex alcalde de Campo Lameiro, Julio Sayáns: "para picalo. Iso é o habitual entre pescadores. Así xa non hai maneira de que me diga nada", apunta divertido admitindo que o día de néboa do domingo tampouco favorecía a pesca.

Espera que en abril ou maio coas augas máis cálidas e un caudal máis baixo resulte máis fácil capturar troitas de medidas boas. "A saber cando vai caer outra", comenta satisfeito polo reto logrado.