A Comisión de Urbanismo do Concello de Pontevedra puido ver este martes un avance en imaxes de como quedará o río Gafos destapado ao seu paso por Campolongo.
O Concello de Pontevedra organiza para este vindeiro venres, 21 de marzo, ás 20.00 horas, un acto público no Teatro Principal para a presentación do proxecto de renaturalización do río Gafos aberto a todas as entidades que desexen coñecelo e a toda a veciñanza da Boa Vila.
A presentación contará co equipo redactor do proxecto, Calco Territorio y Urbanismo que explicará ao público en que consistirá a renaturalización do Gafos.
O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia, financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.
Aínda que todavía non se coñece o custo final que terá este proxecto, o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, explicou que o Concello vai poñer máis cartos dos que recibirá en axudas europeas.

César Mosquera lembrou que o proxecto estará totalmente ultimado a finais desta semana e que para o goberno local o prioritario é adxudicalo e comezar a obra.
A día de hoxe, está acordado que a renaturalización do Gafos se faga nunha única actuación, e non por fases.
Tamén se decidiu cambiar lixeiramente a traza do río al altura do hórreo situado en Campolongo. Neste punto, a canle do río fai un ángulo recto que coa proposta do equipo redactor se suaviza trazando unha curvatura evitando os problemas de futuras avenidas.

Diante dos centros de ensino (Campolongo e Crespo Rivas) créase unha pasarela ancha que facilitará a entrada e as saídas dos cativos ao colexio, e se conservarán toda as plantacións realizadas na zona de tal xeito que se mantén unha árbore de gran porte.

Instálanse outras dúas pasarelas, unha delas substituíndo a ponte de Iglesias Vilarelle que se corta agás para dar servizo aos edificios. O acceso a esta rúa farase dende Alcalde Hevia cara María Victoria Moreno e Antonio Taboada Nieto.
As zonas máis abruptas cara a canle do río estarán protexidas con valados mentres que a zona cara a praza da Constitución se manterá a nivel do río.
