O vindeiro domingo 7 de outubro a asociación 'Irmandade Illa de Tambo' organizará a primeira visita á illa despois de que a dirección da Escola Naval Militar de Marín lle comunicara que se reactivan as visitas.
Trátase dunha viaxe con carácter divulgativo sobre os valores históricos, paisaxísticos, culturais e ambientais da Illa de Tambo, un espazo único e singular situado na Ría de Pontevedra. Ademais, darase conta das ultimas novidades sobre as investigacións da asociación.
A saída será as 11.00 horas do porto da Canteira en Combarro e o regreso as 13.45 horas. As persoas interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico irmandadeilladetambo@gmail.com.
Como resultado dun protocolo asinado entre a Escola Naval e o Concello de Poio, as solicitudes centralízanse no Concello coas condicións de acceso fixadas pola entidade militar, entre as que destacan un máximo de 50 persoas por xornada.
Os solicitantes comprometeranse por escrito a evitar "a realización de calquera tipo de manifestación ou propaganda que comprometa o principio de neutralidade política e sindical das forzas armadas e os seus compoñentes".