A Zona Franca de Vigo e o sector vitivinícola de Rías Baixas anuncian a primeira medida para contrarrestar a nova política de aranceis de Estados Unidos, que penaliza especialmente ás adegas do Salnés ao ser o seu principal mercado exterior.
Cambados acollerá no próximo mes de xuño o Foro Económico do Albariño que organizarán o propio Consorcio, a Asociación Adegas do Salnés e o Concello de Cambados.
Así se confirmou nun encontro celebrado este xoves en Zona Franca entre o delegado do Estado, David Regades, o alcalde de Cambados, Samuel Lago e Roque Durán, membro da Asociación de Adegas do Salnés e presidente da Fundación Terra de Asorey.
Na reunión avanzouse que o Foro se celebrará o 28 de xuño e que servirá para deseñar unha estratexia económica ante a política arancelaria da administración Trump, que crea incertezas no sector e, especialmente, na Denominación de Orixe Rías Baixas.

David Regades expresou todo o seu apoio á convocatoria deste Foro Económico e avanzou "que contaremos con relatores internacionais que orienten ao sector sobre a mellor estratexia a seguir, para que o albariño siga sendo cada vez máis competitivo e internacional".
O delegado de Zona Franca sinalou que "ante a nova situación, debemos ter ferramentas de futuro para potenciar a actividade das adegas da provincia e o Foro de Cambados será só o punto de partida. Terán toda a nosa colaboración porque sabemos de primeira man a importancia socioeconómica do sector vitivinícola para este territorio".
Tanto Roque Durán, en nome da Asociación Adegas do Salnés, como o alcalde de Cambados, Samuel Lago, puxeron de manifesto a súa preocupación, xa que Estados Unidos é hoxe en día o principal mercado exterior do albariño e, precisamente, estes días hai adegas que detiveron os seus envíos á espera de coñecer as repercusións do anuncio da Casa Branca.
Samuel Lago sinalou que o sector vitivinícola afronta un novo desafío coas políticas internacionais do goberno Trump, pero tamén "debemos destacar e pór en valor as fortalezas do viño de Rías Baixas e os seus potenciais, feitos que se pretenden someter a debate e obter conclusións válidas neste foro".
Pola súa banda, Roque Durán agradeceu expresamente a Regades a convocatoria da reunión e a súa implicación na organización do Foro e tamén manifestou a súa confianza "nas medidas e o apoio anunciado polo Goberno de España con Pedro Sánchez, que xa está a manter encontros con todos os sectores afectados".