Primeira acción reivindicativa en Cerdedo-Cotobade para defender a rehabilitación dos Baños de San Xusto

Cerdedo-Cotobade
05 de maio 2020

Dous grandes carteis co lema 'Cerdedo-Cotobade. Na Defensa dos Baños do San Xusto' xunto ao escudo do Concello colgan xa de fachada da casa do concello de Carballedo

Cartel na fachada do Concello en Carballedo
Cartel na fachada do Concello en Carballedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

Dous grandes carteis co lema 'Cerdedo-Cotobade. Na Defensa dos Baños do San Xusto' xunto ao escudo do Concello colgan xa de fachada da casa do concello de Carballedo, así como na entrada á carballeira na Nacional 541.

Trátase da primeira das accións reivindicativas que o Concello leva a cabo consecuencia da polémica polo proxecto de rehabilitación dos Baños de San Xusto.

Dita polémica produciuse despois de que o alcalde de Ponte Caldelas, o socialista Andrés Díaz, denunciase ante o Defensor do Pobo o convenio que o Concello, gobernado polo popular Jorge Cubela, subscribiu coa Xunta de Galicia ao amparo do Pacto pola Paisaxe de Galicia e financiado con 680.000 euros. Denuncia que foi admitida a trámite.

Cubela avanza que haberá máis accións en defensa do proxecto xa que hai movementos veciñais, especialmente en San Xurxo de Sacos, para defender esta actuación ata onde sexa necesario, xa que "é unha obra histórica e fundamental e está financiada cun convenio impecable que cumpre a lei, polo que vou defendela ata as últimas consecuencias".

O alcalde de Cerdedo-Cotobade agradece "a absoluta unanimidade social da cidadanía. Centos de votantes socialistas do noso concello xa me mostraron o seu absoluto apoio mesmo me trasladaron a súa total incomprensión co PSOE local, que parecen defender máis a postura irracional de Andrés Díaz que a obra de San Xusto".