"Sentábame no colo e acariciábame as pernas"; "O raro era volver un día a casa sen ser apalpada, insultada ou perseguida"; "Levántame a saia e tócame o cu"; "Interrógame, doulle a man para despedilo e lámbema"... Estas denuncias son só un exemplo dos 3.000 relatos personais recollidos durante a campaña #PrimAcoso, promovida polo Concello de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo.
María Lameiras, directora do grupo de investigación; Carmen Fouces, concelleira de Igualdade, e Rosa Campos, responsable do Centro de Información á Muller de Pontevedra, analizaban este xoves os resultados deste estudo pioneiro, que se iniciou antes do famoso #MeToo.
Entre as conclusións que se poden sacar, compróbase que a violencia contra as mulleres non é un fenomeno illado, senón que está normalizado e que se repite ao longo da vida das mulleres en múltiples formas.
María Lameiras definía esta situación como unha "pandemia", que comeza desde a infancia. O 76% das mulleres que participaron nesta campaña sufriran algún tipo de acoso antes da maioría de idade. O 24% tiña experimentado esa violencia en idade adulta.
O estudo dividiuse en tres categorías: as violencias múltiples que sofren as nenas; as violencias múltiples que padecen as mulleres e a recepción dos micro-relatos que se compartiron nas redes por parte de mulleres e de homes.
#PrimAcoso amosa que o 94% das mulleres valoran esta campaña de maneira positiva e tan só un 6% critica este tipo de iniciativas ao entender que rompe os marcos establecidos de convivencia. En canto aos homes, o 58% critica a proposta mentres que o 42% considéraa positiva.
Segundo manifestaba a concelleira Carmen Fouces, estes resultados amosan que non hai tantas mulleres que se opoñan ao movemento feminista xa que admiten os postulados malia non se pronuncien publicamente. E destacou tamén que unha alta porcentaxe de homes apoien estas reivindicacións e analicen os seus propios comportamentos de violencia machista no pasado.
Neste estudo tamén se amosa como as mulleres son acosadas e violentadas sexualmente en espazos privados e normalmente por persoas da súa contorna máis próxima. Ao mesmo tempo, reflíctese que as vítimas tamén interiorizan ese acoso e experimentan sensacións de medo, culpa ou vinganza.
María Lameiras destacou que nos casos denunciados nesta campaña, a maioría das agresións resultaron impunes xa que non houbo consecuencias para os autores e os espectadores quedaron pasivos ante estes acosos. Neste sentido, a investigadora afirmou que é necesario cambiar este tipo de comportamentos e non permitir a impunidade dos agresores.