O Concello de Pontevedra evitou que, por segunda vez, o concurso para o novo contrato de recollida de lixos e limpeza viaria quede deserto. Polo menos, en primeira instancia. PreZero, a actual responsable do servizo, firma a única oferta rexistrada neste proceso.
O edil responsable da área municipal de contratación, Raimundo González, explicou que "non é un fracaso nin moito menos" que só se presentara unha compañía do sector a un contrato valorado en 256 millóns de euros, repartidos nun período de vinte anos.
Ao ser un contrato "de calado", González subliñou que "o que me importa é que sexa un proxecto potente e cambie a futura recollida de residuos neste concello".
A intención do goberno municipal é convocar para o próximo 3 de febreiro a mesa de contratación na que se abrirá toda a documentación presentada por PreZero, entre elas o proxecto de explotación e organización do servizo.
Toda esa documentación, que inclúe as rutas ou frecuencias propostas para a recollida de cada fracción de lixo ou os medios humanos que terá o servizo, será analizada polos técnicos municipais para comprobar que cumpren cos pregos da licitación.
Se pasa ese trámite vai ser convocada unha segunda mesa de contratación na que xa se analizará a oferta económica e as melloras que propón a empresa, entre elas o aumento no número de papeleiras ou o incremento dos metros cadrados de áreas a rozar.
Unha vez que a Xunta de Goberno propoña a PreZero, de ser o caso, como adxudicataria do novo contrato quedará aberto un prazo de quince días no que se poderán presentar recursos a esta resolución. Tras resolverse estes posibles recursos, formalizaríase a adxudicación.
O Concello confía en que toda esta tramitación administrativa poida estar finalizada antes de que venza a prórroga do actual contrato, que chega ata o próximo 8 de xuño. "O normal é que antes diso estivese en marcha", apuntou González.
Con respecto a todo este proceso, o concelleiro do BNG apuntou que o goberno municipal detectou unha "resistencia" no sector a cumprir cos obxectivos da nova lei de residuos, especialmente en materia de reciclaxe, compostaxe e valoración dos residuos.
Eses obxectivos, insistiu Raimundo González, eran "irrenunciables" para o Concello.