O Concello de Marín busca financiamento das administracións para cubrir os traballos de mellora do acceso ao CEIP do Castañal, situado en Viñas Brancas. Segundo figura na memoria do proxecto, o prazo de execución destes traballos establécese nun mes e o investimento total ascende a máis de 48.416 euros, máis IVE.
Segundo indican desde o goberno local, toda a zona forma parte da rede de camiños municipais e considérase un espazo estratéxico, debido a que se trata dun itinerario obrigado de acceso ao centro escolar. A intención do Concello é actuar neste espazo ppara mellorar a seguridade viaria do lugar, ordenando o tráfico rodado e peonil cunha nova distribución dos espazos da vía.
A intención é intervir sobre 3.200 metros cadrados de superficie, coa renovación por completo do pavimento e aproveitar a mellora da accesibilidade e da seguridade viaria. Crearanse itinararios peonís; recolocarase o paseo de peóns para crear continuidade; tamén está prevista a instalación de redutores de velocidade para acougar o tráfico nos accesos ao colexio; e, ademais, renovarase a sinalización en toda a zona, tanto de elementos horizontais como verticais.
O Concello anuncia que tamén se rozarán e limparanse as marxes do camiño, beiravías e pasos para que a estrada quede en perfecto estado de uso.