María José de Pazo, portavoz dos familiares das persoas falecidas no naufraxio do Villa de Pitanxo, falou nas últimas horas co alcalde de Pontevedra para solicitarlle a acción simbólica de instalar unha placa en recordo das 21 vítimas do afundimento do barco en augas de Canadá.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmaba este xoves que, durante a conversación, coa portavoz do colectivo manifestoulle que se trataba dunha "boa idea" e que, desde o goberno local, traballarán nesa liña.
Apuntou que en próximos días contestará expoñéndolle unha proposta para situar a placa en lugar da cidade. "Hai que lembrar que dúas persoas que vivían en Pontevedra faleceron nese desgraciado accidente", recoñecía Fernández Lores. O rexedor indicou que aínda se analizará onde e cando levará a cabo este acto.
En todo caso garantiu a realización deste xesto simbólico para lembrar ás vítimas do mesmo xeito que está previsto que se faga en Marín, Vigo, Moaña e Cangas.