Aínda que a licitación do proxecto se atrasará, previsiblemente, ata o mes de abril, a Xunta de Galicia confía en que as obras do novo centro de saúde de Vilagarcía estean rematadas antes de que finalice o ano 2026.
A construción deste novo centro, que estará situado na Avenida da Mariña, onde estaba a antiga comandancia, custará 19 millóns de euros e terá un prazo de execución de dous anos. A previsión é que os traballos arranquen este mesmo ano.
O Consello da Xunta de Galicia autorizou este xoves que o Servizo Galego de Saúde acepte a cesión gratuíta por parte do Concello de Vilagarcía dos terreos para este novo centro.
O plan funcional prevé chegar ás 17 consultas de medicina xeral (tres máis que no actual centro de San Roque), outras 17 consultas de enfermaría (catro máis) e cinco tanto de pediatría como de enfermaría pediátrica (unha e dúas máis, respectivamente).
As instalacións contarán tamén con dúas consultas (unha máis en cada área) de farmacia, traballo social, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia.
Haberá cinco consultas de docencia e incorporaranse áreas como a sala de illamento, a consulta do programa da muller, a sala pediátrica integral, as cabinas de tratamento e os vestiarios do ximnasio de fisioterapia ou as consultas médicas e de enfermaría para especialistas que veñan doutros hospitais.
O futuro centro de saúde disporá dunha superficie construída de máis de 8.400 metros cadrados e formúlase con forma de dobre U, xerando dúas prazas abertas cara á cidade e cara ás vías ás que dá fronte.
Estas prazas, convenientemente orientadas e resgardadas, servirán de zona de espera protexida e de antesala ao centro de saúde e ao PAC.
Ademais de avanzar nesta nova infraestrutura sanitaria, o Sergas cubriu todas as prazas de medicina de familia do centro de saúde de San Roque e nos vindeiros días publicarase o nomeamento de novos pediatras, incluída a praza pendente de cubrir en Vilagarcía.
Desta forma, segundo datos do propio sistema público de saúde, no centro sanitario pasan consulta diariamente 24 profesionais de medicina familiar e comunitaria e cinco de pediatría.