O Convento de Santa Clara será de propiedade municipal en decembro se se cumpren as previsións do goberno local de Pontevedra para realizar a sinatura da adquisición deste recinto relixioso.
Xaquín Moreda, concelleiro de Urbanismo, avanzaba este martes que se espera que o acto se desenvolva durante a próxima semana, con día concreto aínda por determinar. A sinatura oficial realizarase por parte do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a nai superiora das Clarisas, sor Sagrario, que é quen está autorizada a realizar a venda das instalacións.
Desde o goberno local están a estudarse diferentes opcións para os próximos meses coa idea de organizar visitas ao recinto. Está previsto que se faga un percorrido para integrantes da corporación municipal e tamén para distintos colectivos.
Moreda explicou que se queren establecer visitas con guías e xornadas de portas abertas para acceder ao xardín. O concelleiro sinalou que, nestes momentos, trabállase no deseño destas actividades, que se coñecerán en próximas semanas, unha vez que se asine a adquisición deste espazo por 3,2 millóns de euros.