O informe de resultados da xestión do centro de información dos petróglifos de Mogor sinala que a afluencia de visitantes neste verán cun total de 1.993 persoas cabe considerala de "moi boa", incrementándose con relación ao verán de 2016.
Este incremento débese fundamentalmente ao mes de agosto, no que se rexistrou un 20% máis de visitantes que mesmo mes do pasado ano. De feito resulta significativo que cando houbo algún día no que as condicións de praia empeoraron, notouse unha maior chegada de visitantes.
Hai considerar tamén que só se computan como visitantes aqueles que entran no centro (coa excepción das visitas nocturnas, que se computan aínda que non entren no centro), e que son moitos os que visitan os petróglifos sen entrar no centro, estea este aberto ou non. Polo tanto a cifra total deberíase incrementar nunha porcentaxe que estiman non sería inferior cando menos a un 20-30%.
Á marxe do anterior, o informe conclúe que hai visitantes todos os días da semana e tamén en todos os tramos horarios.
O tramo de idade con maior representación é o de 41-50 anos, en moitos casos parellas acompañados de nenos.
En canto á procedencia, predomina o público galego, que provén maioritariamente da provincia de Pontevedra, seguida a bastante distancia de A Coruña. Ao igual que xa ocorrera o pasado verán, a comunidade autónoma cun maior número de visitantes é Madrid, seguida a distancia por Andalucía, Cataluña e País Vasco, as tres cun número similar de visitantes.
En total houbo visitantes de 15 comunidades autónomas (Galicia incluída) e a cidade autónoma de Ceuta. Con relación aos visitantes estranxeiros, se ben representan unha porcentaxe pequena do total, proceden de ata 24 países distintos de todos os continentes excepto África. O país con máis visitantes foi Portugal, seguido de cerca por Inglaterra e Alemania.