A CIG convocou unha "xornada de loita nacional" en todas as comarcas para denunciar a "sangría demográfica" que está a sufrir Galicia e que afecta especialmente á mocidade.
En Pontevedra concentráronse ás doce do mediodía fronte ao Edificio de Administracións periféricas do Estado baixo o lema "O futuro de Galiza somos nós. Que emigre Feijoo!".
Nesta concentración o secretario comarcal, Rafael Iglesias, lembrou que "un de cada dous menores de 25 anos están en paro".
Segundo os datos facilitados dende a central nacionalista, a situación é de tal gravidade que dos 166.800 empregos destruídos nestes catro anos, 149.100 estaban ocupados por menores de 35 anos; destes, máis de 77.164 optaron por emigrar, neste período, en busca dunha alternativa laboral que non atoparon en Galicia e o paro medrou case un 123% desde o estoupido da crise entre os menores de 25 anos.
Rafael Iglesias lamentou que malia ser a xeración máis formada da historia de Galicia "a xente nova non atopa traballo, polo que se ven na obriga de emigrar".
Tal é así, que no ano pasado, 25.472 mozos e mozas de entre 20 e 34 anos abandonaron Galicia, 2.122 ao mes, preto de 70 cada día.