Preto de 3.000 persoas de 40 a 79 anos están chamadas a un cribado masivo en Vilaboa

Vilaboa
13 de febreiro 2021
Actualizado: 9:37

As probas realizaranse durante tres días da próxima semana, entre a tarde do luns 15 e o mércores, no centro de saúde do municipio. As probas están dirixidas a persoas con idades comprendidas entre os 40 e os 79 anos, por ser o segmento de poboación con máis incidencia de contaxio no municipio

Test rápido de cribado da covid-19
Test rápido de cribado da covid-19 / Mónica Patxot

A Consellería de Sanidade realizará un cribado masivo en Vilaboa para detectar posibles asintómaticos con covid-19. As probas realizaranse durante tres días da próxima semana, entre a tarde do luns 15 e a do mércores, no centro de saúde O Toural do municipio.

Segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde, faranse 2.722 probas a outros tantos veciños. Serán test rápidos de antíxenos con mostra nasofarínxea.

As probas están dirixidas a persoas con idades comprendidas entre os 40 e os 79 anos, por ser o segmento de poboación con máis incidencia de contaxio no municipio.

Cada veciño nesa franxa de idade recibirá unha mensaxe co día e a hora na que se lle realizará a proba. Será sempre en horario de tarde, a partir das 15.30 horas.

Dende o Concello de Vilaboa rogan máxima puntualidade e axilidade á hora de facer a proba para evitar aglomeracións innecesarias. Recoméndase tamén acudir cun pouco de antelación e esperar no coche, para facilitar o cumprimento das normas de distanciamento social.

O alcalde de Vilaboa, César Poza, anima á población a participar e agradece a autorización deste cribado, que o Concello solicitara a semana pasada ao Servizo Galego de Saúde.

Para levar a cabo este cribado, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contará desde o vindeiro luns ata o vindeiro mércores no centro de saúde de O Toural con tres equipos de enfermaría en cada quenda, que efectuarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das mostras nasofarínxeas e información aos usuarios.

Os resultados negativos serán comunicados por SMS pola Área Sanitaria, mentres que os positivos notificaranse contactando directamente vía telefónica con cada persoa

Tamén durante a vindeira semana, o Sergas prevé efectuar máis cribados preventivos en diversos centros residenciais desta área sanitaria. Así, o vindeiro xoves 18 de febreiro efectuaranse nas residencias Méndez Núñez de Pontevedra, Valvanera de Cambados e Bata de Vilagarcía de Arousa. E xa o vindeiro sábado 20 de febreiro contémplanse novos cribados nas residencias pontevedresas de Campolongo e Saraiva, así coma a Residencia de Marin.