Preto de 200 solicitudes en Poio para o prendido das cacharelas

Poio
22 de xuño 2022

O departamento de Medio Ambiente rexistrou un incremento de preto do 40% de peticións de permisos con respecto á edición de 2021. Permitirase o prendido de fogueiras nas praias de Lourido, Raxó, Campelo, O Padrón, O Laño e Ouriceira

Noite de San Xoán na Seca, en Poio
Noite de San Xoán na Seca, en Poio / Diego Torrado

O Concello de Poio recibiu preto de 200 solicitudes para o prendido de cacharelas na noite de San Xoán, o que supón un incremento de preto do 40% con respecto á edición do ano pasado, na que tan só se permitía a realización de fogueiras en espazos de ámbito privado, por mor da situación sanitaria da COVID-19. 

O concelleiro de Medio Ambiente, o nacionalista Xosé Luís Martínez, sinala que todas estas peticións corresponden a cacharelas que se prenderán tanto en parcelas privadas como zonas públicas. No caso dos areais, lémbrase que só estarán permitidas en Lourido, Raxó, Campelo, O Padrón, O Laño e Ouriceira. 

No caso das fogueiras e grelladas de San Pedro (día 28), o período será do 22 ao 26. As comunicacións realizaranse preferentemente a través da Sede Electrónica do Concello de Poio ou, no seu defecto, mediante instancia presentada de xeito presencial, con cita previa, no Rexistro Xeral.

RECOLLIDA DE HERBAS DE SAN XOÁN

Por outra banda, este xoves terá lugar unha das citas máis emblemáticas e con maior tradición dos festexos patronais. Trátase da Recollida de Herbas de San Xoán, organizada pola Asociación O Ronsel. 

A saída está prevista para as 18.00 horas, desde a antiga escola unitaria do Sartal. As persoas participantes estarán acompañadas polas Pandereteiras do Ronsel.