Esta iniciativa busca que tanto os escolares como as familias atopen recursos e materiais educativos principalmente en galego a través de propostas non regradas. Segundo comenta Anxos Rial, a vocación deste proxecto non é substituír as indicacións educativas que o profesorado está a trasladar durante estes días de corentena ao alumnado senón ofrecer outras fórmulas de aprendizaxe complementarias para estudantes desde infantil ata segundo de bacharelato e de todas as materias lectivas. "Son contidos educativos pero alternativos aos da Aula Virtual", indica a profesora.
Preto de 200 profesionais da educación de Galicia xa se sumaron a esta iniciativa. Anxos Rial sinala que non deixa de recibir whatsapp de persoas que queren incorporarse e asegura que está previsto aceptar todas as colaboracións posibles, mesmo por parte do alumnado. Agora, unha vez subidos os primeiros contidos, necesitan coordinar a actividade. Na noite deste luns mantiveron unha "quedada virtual" para establecer unha organización. Nesta páxina web van subirse contidos matemáticos, de fomento da lectura, vídeos formativos ou cuestións para investigar. "Non queremos que sexa algo pechado", apunta Anxos Rial.
Deste xeito, entre os colaboradores mesmo se atopa tamén profesorado en período de xubilación. É o caso de Vitoria Ogando e de Anxo González Guerra, ex profesores do IES VAlle Inclán e do Sánchez Cantón, que aportan as súas propostas a esta iniciativa. Ámbolos están moi satisfeitos de formar parte deste proxecto nacido nestes tempos estraños: "Trátase de ofertar directamente traballo para a persoa interesada, xa que buscar na rede ás veces leva moito tempo e non sempre se atopa o que se quere", afirma Anxo González.
E é que en momentos de restricións, a solidariedade espállase por todos os eidos, tamén neste tan importante consistente en formar á poboación desde a xente máis nova ata os maiores con contidos didácticos.