Unhas 200 persoas aproximadamente, déronse cita na cea solidaria, organizada por Cáritas en colaboración coa coordinadora de asociacións "Ponte Caldelas Solidaria", celebrada na Discoteca Reivi.
O resultado do recadado pola organización neste evento, despois de descontar os gastos, será ingresado xa na conta de Cáritas-Concello e irá destinado aos damnificados polos incendios do pasado mes de outubro segundo criterios técnicos que determinarán os responsables do departamento de Servizos Sociais e directivos da ONG.
A coordinadora de asociacións está ultimando a organización dun novo evento de carácter benéfico que terá lugar o vindeiro domingo 10 de decembro no pavillón municipal de deportes de Ponte Caldelas.
Incluirá actividades lúdicas para toda a familia, a venda de postres e comida caseira para degustar no recinto deportivo ou levar para a casa así como unha master class de zumba, exhibicións das escolas municipais de taekwondo e ximnasia rítmica, música e as poxas de artigos e servizos doados polos comerciantes de Ponte Caldelas, así como un balón do Real Club Celta asinado polos xogadores do primeiro equipo.