Preto de 100 nenos participaron durante o verán nos talleres en espazos abertos

Poio
31 de agosto 2021

A través destas sesións, o departamento dirixido pola socialista Rosa Fernández ensinou á rapazada a elaborar deseños, bonecos e elementos de decoración utilizando material de refugallo

Talleres en espazos abertos
Talleres en espazos abertos / Concello de Poio

Preto de 100 rapaces menores de 12 anos participaron nas últimas semanas nas sesións dos talleres en espazos abertos, unha iniciativa que forma parte do programa de verán impulsado pola Concellería de Benestar Social e Mocidade. 

A través destas sesións, o departamento dirixido pola socialista Rosa Fernández ensinou á rapazada a elaborar deseños, bonecos e elementos de decoración utilizando material de refugallo. Desde o seu inicio en xullo, estas citas tiveron lugar en lugares como Vilariño, Lourido, Campelo, Combarro, Samieira e Raxó, onde finalizaron os obradoiros a pasada semana. 

Fernández González fai un balanzo moi positivo da iniciativa, que xa é un clásico do verán en Poio. "Ademais da cantidade de nenos e nenas que se animaron a participar tamén hai que salientar a implicación das súas familias. Foron moitos os pais, nais, avós e avoas que botaron unha man na elaboración dos elementos", explica. 

A través desta iniciativa o que busca a Concellería de Benestar Social e Mocidade é, por unha banda, ofrecer unha fórmula de lecer divertida e formativa ás crianzas, ao mesmo tempo que se poñen en valor espazos, prazas e zonas ao aire libre das parroquias do municipio.

Por outra banda, o departamento municipal tamén está a traballar para poder celebrar a súa tradicional Festa de Despedida do Verán adaptándose ao contexto da COVID-19.