Debido á extensión do confinamento pola crise sanitaria do coronavirus, que se prolongará alomenos ata o 9 de maio, o Concello de Moraña vén de habilitar, a través da Biblioteca Municipal, un servizo de préstamo de libros a domicilio para facilitar á veciñanza o acceso á cultura.
As persoas interesadas en reservar libros durante este tempo deben remitir un mail ao enderezo electrónico [email protected] ou chamar ao número de teléfono da Casa da Cultura (986 552809) para pedir os títulos que lles interesen, de entre os milleiros de exemplares do catálogo da biblioteca pública, e se lles entregarán no domicilio no prazo máis breve posible ao tempo que se lle informará da data de recollida e devolución. Os veciños tamén poderán informarse telefonicamente, a través do persoal da biblioteca, dos libros que están dispoñibles.
Ademais de aos socios da Biblioteca Municipal, este servizo de préstamo a domicilio está aberto ao resto da veciñanza, xa que se admite a formalización de altas de xeito telemático ou telefónico co fin de favorecer a universalidade deste servizo. Esta iniciativa faise coincidir coa celebración, este 23 de abril, do Día Internacional do Libro.
Paralelamente, a Biblioteca Municipal vén de desenvolver varias iniciativas con motivo deste Día do Libro, como é a elaboración dun documento con recomendacións de libros para público adulto, xuvenil e infantil, que pode consultarse nas canles oficiais do Concello, e tamén organizou dous certames para participar dende a casa.
O primeiro deles, orientado aos máis pequenos, consiste no deseño e elaboración dun marcapáxinas e o posterior envío dunha fotografía do mesmo á dirección electrónica [email protected]. O segundo certame, aberto a toda a poboación, denomínase "Palabras confinadas" e céntrase na remisión, ao mesmo enderezo, de palabras, frases ou microrrelatos sobre o elemento de compañía que supoñen os libros neste peche domiciliario.