A preservación do mexillón de río, entre os argumentos da demanda de Adega contra a A-57

Pontevedra
20 de novembro 2024
Actualizado: 12:30

Esta asociación presentou unha demanda na Audiencia Nacional contra a autorización das obras do treito 2 da A-57. Apuntan a unha avaliación ambiental deficiente e incompleta do impacto do proxecto

Rolda de prensa de Adega e da Plataforma de afectados pola A 57 en Bora e Xeve
Rolda de prensa de Adega e da Plataforma de afectados pola A 57 en Bora e Xeve / Pontevedra Viva

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), en colaboración coa plataforma veciñal de afectados pola A-57 nas parroquias pontevedresas de Xeve e Bora, presentou unha demanda na Audiencia Nacional contra a autorización das obras do segundo treito da A-57, que discorre entre A Ermida e Pilarteiros.

Apuntan a unha avaliación ambiental "deficiente e incompleta" do impacto do proxecto nun espazo de Rede Natura 2000 e tamén sinalan o "ocultamento" de parte do Estudo de Impacto ambiental na fase de información pública que, segundo Adega, "debería supoñer a anulación inmediata do proxecto".

Sosteñen que o Ministerio de Transportes non someteu ao trámite de información pública as Adendas 1 e 2 do Estudo de Impacto Ambiental, que atinxiron ao estudo e análise da vulnerabilidade do proxecto ante accidentes graves ou catástrofes, o estudo de hidroxeomorfoloxía, e os posibles efectos significativos directos ou indirectos do proxecto sobre a poboación e a saúde humana.

Nunha rolda de prensa celebrada este mércores, a secretaria executiva do colectivo ecoloxista, Belén Rodríguez explicou estes principais argumentos recollidos na demanda que atinxen á vulneración do dereito comunitario en materia medioambiental, á existencia de fragmentación artificiosa de proxectos, e ao incumprimento da lei vixente en materia de participación pública.

Segundo o informe técnico que acompaña á demanda, a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto "infravalorou" a afección á Rede Natura 2000, no espazo natural protexido e Zona de Especial Conservación (ZEC) Río Lérez.

Engaden que tampouco avaliou "adecuadamente" a afección das obras aos hábitats de interese comunitario presentes no territorio afectado. A obra prevé a destrución de 6.220 metros cadrados de superficie ambientalmente protexida, da cal, 2.210 metros cadrados corresponde ao hábitat prioritario (bosques aluviais maduros), escasamente representado no Estado español.

Por outra banda, tamén se atoparon deficiencias na avaliación das afeccións da obra da autovía sobre determinados elementos da biota ameazada, comprometendo así o seu estado de conservación.

Particularmente, habería afeccións graves sobre o mexillón de río (Margaritifera margaritifera), catalogado como especie "en perigo de extinción", e sobre determinadas especies endémicas de fungos.

A demanda presentada por ADEGA contra este treito da A-57 representa a reclamación colectiva da plataforma de afectados de Bora e Xeve que rexeita a infraestrutura aprobada.

Grazas á campaña de recadación solidaria "Salva o Lérez. Stop A-57", a entidade ecoloxista puido afrontar os custos derivados da interposición de recurso contencioso-administrativo e presentación deste demanda.