O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o tenente de alcalde, Fernando Vázquez, presentaron este mércores un proxecto, que concurrirá ás subvencións do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, para poñer en valor a Senda dos Pescadores, no río Almofrei, entre o albergue da Chan, en Carballedo, e a área fluvial de Pozo Negro, na parroquia de Rebordelo.
O investimento total supera os 51.000 euros e contempla a adecuación do sendeiro e a colocación de mobiliario ao longo do traxecto de 2.365 metros.
Segundo manifestou o alcalde Jorge Cubela, "trátase dun proxecto co que queremos seguir mellorando a nosa oferta e infraestrutura turística" e tamén para o uso da veciñanza "que aproveitará para dar paseos moi recomendables pola beira do río Almofrei".
A ubicación desta senda nas proximidades do núcleo urbano de Carballedo resulta, segundo o alcalde, "de vital importancia" para dar impulso e "xogar un papel salientable" dentro da oferta turística do concello no ámbito do sendeirismo e do turismo rural.
Un dos obxectivos que se persegue desde o Concello é "crear un fermoso paseo que permita aprender mentras se disfruta da paisaxe, natureza, flora e fauna, recuperando vellos camiños hoxe en perigo de esquecemento".
Esta actuación sobre un trazado duns 2.365 metros na marxe dereita augas abaixo do río Almofrei centrarase básicamente na apertura, roza, sinalización e construción de elementos que faciliten o paso como pasarelas de madeira.
Ademais, o alcalde manifestou que a construción desta Senda dos Pescadores do río Almofrei viría a dar resposta positiva a unha solicitude feita neste sentido pola veciñanza e as asociacións das zonas implicadas.