Presentan un proxecto de 8 millóns de euros para rehabilitar os edificios centrais do Museo

Pontevedra
12 de agosto 2022

O vicepresidente César Mosquera destacou que a Deputación optou por un orzamento "polo alto" para garantir a viabilidade da licitación e limitar os riscos de que quede deserta, dado o escenario actual de alza de prezos  

Carmela Silva e César Mosquera
Carmela Silva e César Mosquera / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, presentaron este venres o proxecto de rehabilitación dos edificios históricos do Museo, o Castro Monteagudo e o García Flórez.

Esta "ambiciosa actuación" está orzada en 7.937.947 euros e permitirá recuperar ambos os inmobles para uso museístico "con plenas garantías técnicas, de accesibilidade e de eficiencia enerxética". A obra xa está incluída nos orzamentos da Deputación e solicitarase ao Goberno do Estado unha achega de 3 millóns de euros dos fondos do Plan de Recuperación e Resiliencia para Edificios Públicos (PIREP). 

O vicepresidente destacou que a Deputación optou por un orzamento "polo alto" para garantir a viabilidade da licitación e limitar os riscos de que quede deserta, dado o escenario actual de alza de prezos.

César Mosquera explicou que o proxecto xa foi remitido ao Concello de Pontevedra para que "avance na tramitación da licenza municipal" e tamén á Dirección Xeral de Patrimonio para a emisión do informe preceptivo, aínda que aínda está pendente do informe favorable de Costas. Tanto a presidenta como o vicepresidente confían en que os traballos poidan licitarse en cuestión de meses.

O proxecto inclúe un diagnóstico preliminar destes dous inmobles no que se constata a "obsolescencia construtiva destas edificacións" e a necesidade de espazo expositivo por parte do Museo ademais do "colapso crítico" da súa capacidade de almacenaxe.

"É un día moi importante para o Museo de Pontevedra, para a cidade, para a provincia, para Galicia e para o conxunto do Estado porque este é un museo de referencia", subliñou Carmela Silva.

"É un proxecto novo, integrador, con solucións que van ser un modelo" valorou a presidenta.

Pola súa banda, César Mosquera, incidiu na "enorme dificultade" técnica que supuxo a elaboración deste proxecto, no que finalmente se optou pola conexión soterrada entre os edificios como solución conceptual para abordar o reto de garantir a accesibilidade. O vicepresidente tamén revelou que xa existe un túnel "pequeno, húmido e lúgubre" e agora realizarase unha conexión "funcional e moderna". 

A conexión soterrada situarase entre o soto do xardín do García Flórez e a torre do Castro Monteagudo, e ademais instalarase un ascensor en cada edificio para facilitar a comunicación. 

A restauración dos edificios permitirá sumar unha superficie de 256 metros cadrados, alcanzando así un total de 2.495 metros cadrados de superficie construída entre ambos os inmobles.