Presentan o Libro branco de Ence agardando que a presión social impida a continuidade da fábrica

Pontevedra
31 de outubro 2015

A Federación Castelao, a APDR, o portavoz do PSOE, Agustín Fernández e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores presentaron este exemplar con máis de 80 preguntas sobre a factoría e non descartan convocar unha gran manifestación para evitar que o Goberno prorrogue a súa permanencia en Lourizán

Presentación de O Libro branco de Ence
Presentación de O Libro branco de Ence / PontevedraViva
O presidente da Federación Castelao di que Ence xa leva moito tempo na ría /

Desde"que é Ence?" ata "a que actividades debería dedicarse o espazo que hoxe ocupan Ence e Elnosa?" máis de oitenta preguntas tentan expoñer aos cidadáns as causas polas que a fábrica de pasta de papel debería abandonar a ría de Pontevedra en 2018 nun libro que a plataforma contraria á presencia da factoría en Lourizán presentaron na maña deste sábado 31 de outubro.

A Federación de Veciños Castelao, a Asociación pola Defensa da Ría (APDR), o portavoz do grupo municipal socialista, Agustín Fernández e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores fixeron público o denominado 'Libro branco de Ence' no que se indica que os veciños de Pontevedra levan preto de sesenta anos soportando á empresa en Lourizán e pregúntase se Ence é o que "queremos deixarlle en herdanza aos nosos fillos e netos".

O presidente da federación veciñal Juan Manuel Loureiro explicou que se editaron 15.000 exemplares para que sexan distribuídos ao longo das próximas semanas coa intención de que os cidadáns coñezan as razóns polas que o Goberno central non debe prorrogar a presenza da empresa na súa actual localización.

Antón Masa, presidente da APDR, apuntou que ata a dirección de Ence recoñece que a localización non é correcta e por tanto, afirmou, xa se chegou ao momento de saída. Para iso fixo un chamamento aos cidadáns para que a empresa e o Partido Popular se sentan acosados pola presión social e non se renove a prórroga.

Agustín Fernández, portavoz socialista, tamén incidiu neste mesmo sentido afirmando que hai momentos que marcan o futuro dunha cidade e chamou á responsabilidade para que o futuro sexa distinto xa que Ence obtivo, segundo expuxo, un beneficio altísimo en Pontevedra.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, centrouse sobre todo en que a empresa se aproveita dunha situación privilexiada con diferentes beneficios que supoñen un agravio comparativo con outras empresas privadas. Asegurou que os beneficios que obtén a factoría só repercuten no seu consello de administración e nos seus accionistas. Engadiu, ademais, que os investimentos publicitarios que o grupo pasteiro realiza na actualidade en Pontevedra finalizarán cando teñan asegurada a súa permanencia: "É pan para hoxe e fame para mañá", sinalou o rexedor.

Ante o inicio desta campaña, os promotores non descartan convocar unha gran manifestación para tentar evitar a hipotética decisión do goberno de Rajoy de asegurar a estancia de Ence en Pontevedra, unha decisión que ademais, sinalou Fernández Lores, hipotecaría ao futuro goberno entrante.