Presentan 'Marín 360', a estratexia coa que o Concello tentará captar novos fondos europeos

Marín
26 de febreiro 2025

O Plan de Acción Integrada céntrase na revitalización dos barrios de Banda do Río Lameira-Casco Vello, Virxe do Carme, San Pedro e A Cañota. Terá un orzamento de 15 millóns de euros

María Ramallo presenta a estratexia 'Marín 360'
María Ramallo presenta a estratexia 'Marín 360' / Concello de Marín

María Ramallo presentou este mércores o Plan de Acción Integral que o Concello de Marín presentará a unha nova convocatoria de fondos europeos FEDER.

Trátase dunha estratexia que se bautizou como 'Marín 360', cun investimento previsto de 15 millóns de euros dos que até 9 millóns poderían provir de Europa.

Céntrase na revitalización dos barrios de Banda do Río Lameira-Casco Vello, Virxe do Carme, San Pedro e A Cañota.

"Ademais da creación dunha contorna urbana máis acolledora e habitable, o obxectivo é mellorar a calidade ambiental e a eficiencia enerxética, mellorar a conexión das barriadas co centro e potenciar a súa dinamización social e económica", explicou a alcaldesa.

Segundo Ramallo acudir a esta convocatoria "supón un importante esforzo para definir que queremos mellorar en Marín a medio prazo".

A Xunta de Goberno ten previsto agora aprobar este documento antes de ser presentado oficialmente ás axudas. Despois non será até dentro de seis meses cando se resolvan as peticións.

"Unha vez saibamos canto financiamento conseguimos, iremos desenvolvendo os proxectos técnicos para despois arrincar coas licitacións", explicou María Ramallo sinalando que será posible executar as obras ao longo do próximos catro anos, con posibles prórrogas até 2030.

O plan Marín 360 inclúe:

PROXECTO 1. Banda do Río-Casco Vello
- Rexeneración urbana da Rúa Lameira - Avenida do Exército e Marina
- Marín, Mercado Excelente (rehabilitación do mercado)
- Mellora da accesibilidade á Finza de Briz

PROXECTO 2. Virxe do Carme. Conector ecolóxico e sostible
- Integración de dinámicas ecolóxicas no barrio
- Mellora da accesibilidade na contorna do río
- Rehabilitación enerxética e de accesibilidade do pavillón do Sequelo

PROXECTO 3. San Pedro. Rexeneración urbana
- Humanización do espazo público
- Modernización de equipamentos deportivos (novas bancadas no Estadio de San Pedro ou eficiencia enerxética no pavillón da Raña)
- Mellora da conexión peonil entre o barrio e o núcleo urbano a través da PO-313 / Rúa Jaime Janer.
- Creación dunha comunidade enerxética en San Pedro

PROXECTO 4. A Cañota. Calidade urbana e integración
- Rexeneración do espazo comunitario
- Rehabilitación enerxética e modernización do local municipal
- Mellora da conexión peonil co centro

PROXECTO 5. Smart Marín. Tecnoloxías aplicadas á xestión de infraestruturas municipais.
- Dixitalización integral de instalacións deportivas
- Telelectura de contadores de auga
- Plataforma de control da iluminación pública
- Plataforma de xestión integral de incidencias urbanas