Presentan MARES, un proxecto para ordenar o estacionamento en Marín

Marín
16 de abril 2021

O Concello de Marín presentou este venres o proxecto MARES, una aposta para ordenar o aparcadoiro público gratuíto a través de aparcadoiros disuasorios e establecer unha regulación do tempo de estacionamento en determinadas rúas comerciais

Marín presenta o proxecto MARES
Marín presenta o proxecto MARES / Concello de Marín

O Concello de Marín presentou este venres o proxecto MARES, una aposta para ordenar o aparcadoiro público gratuíto a través de aparcadoiros disuasorios e establecer unha regulación do tempo de estacionamento en determinadas rúas comerciais.

Durante a presentación, a alcaldesa, María Ramallo, destacou que con esta estratexia, "falicitarán á veciñanza e aos visitantes a información necesaria para usar correctamente cada área de estacionamento e para fomentar a mobilidade a pé dentro do municipio sempre que sexa posible".

Así mesmo, co obxectivo de que os 12 aparcamentos disuasorios estean localizados polos visitantes e saiban canta distancia os separa camiñando desde cada un deles, a vila creou un parking minuto. "Tratamos de visibilizar que, ao final, todo está máis preto do que parece e que temos que apostar por unha mobilidade a pé que permita desconxestionar as rúas do centro urbano", explica Ramallo.

A alcaldesa tamén comentou que non se incluíu o aparcadoiro disuasorio da Praza de España, porque ademais de que é coñecido, considera que hai que adiantarse á obra do Auditorio e "mirar cara o futuro", xa que mermará as prazas nese lugar. 

ZONA 2H

Para aumentar a rotación e permitir que as rúas máis céntricas da cidade teñan prazas libres, crearon a ordenanza que regula o estacionamento cun horario limitado de dúas horas.

A ZONA 2H "só regula o tempo que pode estar aparcado un coche nesas rúas, sen ningún tipo de custo. Como xa explicamos no seu momento, non é unha zona azul de pago, senón só de regulación do tempo", indicou Ramallo. Nesta zona teñen que rematar os traballos de pintado e de colocación das sinais indicativas, que esperan que esté listo a primeira semana de maio. 

Así mesmo, o xefe da Policía Local, Benigno Blanco, explicou que o funcionamento da cámara coa que controlarán e vixiarán o cumprimento da ordenanza será de dúas pasadas para controlar de xeito directo as matrículas, e se na segunda, pasadas as súas horas, a mesma matrícula está no mesmo lugar, tramitarán a correspondente sanción.

Parking subterráneo do Parque Eguren

O proxecto MARES tamén inclúe os traballos preliminares para poder dotar ao Concello dun parking subterráneo baixo o Parque Eguren. "Marín precisa ir na mesma liña que se está a marcar a nivel global, dotando de máis espazo urbano á veciñanza e mellorando a mobilidade e habilitando outros espazos para os coches, por iso cremos que Marín ten que contar cunha infraestrutura coma esta", adiantou a alcaldesa, que engadiu que xa están avanzando no estudo da viabilidade da parcela e da demanda e coste de construción do parking.

Todos os planos creados co proxecto MARES poderán descargarse a través da páxina web municipal.