Presentan o Mapa de Cidade Global no Pazo de Mugartegui

Pontevedra
05 de novembro 2024

Anabel Gulías, concelleira de Igualdade, Turismo e Deporte, presentaba esta ferramenta para poñer en valor as conexións internacionais da cidade do Lérez

Presentación do Mapa de Pontevedra Cidade Global
Presentación do Mapa de Pontevedra Cidade Global / Mónica Patxot

O Pazo de Mugartegui acolleu esta tarde a presentación oficial do Mapa de Pontevedra Cidade Global, unha innovadora ferramenta que pon en valor as conexións internacionais da cidade do Lérez cos cinco continentes.

O acto, conducido pola xornalista Belén López do Diario de Pontevedra, contou coa participación da concelleira de Igualdade, Turismo e Deporte, Anabel Gulías; o xornalista e responsable do deseño visual, Xan Sabarís; a historiadora Cecilia Novas Garrido, encargada do relato histórico; e Daniel González Palau, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI).

O mapa, dispoñible en cinco idiomas (galego, inglés, chinés, castelán e portugués), pode consultarse en formato dixital a través da web pontevedra.hub.gal.

As persoas asistentes ao acto puideron obter un exemplar físico desta ferramenta.

Este novo elemento destaca non só o patrimonio histórico e cultural da cidade, senón tamén a súa influencia no deseño urbano internacional do século XXI.

Tamén subliña as súas infraestruturas culturais, deportivas, académicas e empresariais. Ademais, resalta o papel de Pontevedra como punto clave no Camiño Portugués a Santiago.

Durante a presentación, a edil Anabel Gulías afirmou que este mapa "vai supoñer unha lectura diferente das potencialidades turísticas da cidade", destacando especialmente a importancia do modelo urbano como elemento diferenciador de Pontevedra no panorama internacional.

O proxecto, desenvolvido por Visit Pontevedra en colaboración co IGADI, busca posicionar á cidade como referente entre as urbes intermedias a nivel internacional e como destino de interese para o turismo 2.0.

Presentación do Mapa Cidade Global
Presentación do Mapa Cidade Global  Mónica Patxot