Máis de 1.100 alegacións presentáronse no Concello de Cotobade durante o trámite de información pública do proxecto de fusión con Cerdedo. A cifra, sinalan desde o goberno municipal, non é definitiva, xa que segue a facerse o reconto das mesmas e tamén haberá que agardar uns días para confirmar se se remitiu algunha a través do correo postal.
A partir de agora comezará unha nova fase do proceso, xa que haberá que facer un estudo individual de cada escrito para emitir unha resposta a cada un deles e posterior resolución das alegacións no pleno.
Polo momento, non existe ningún prazo estimado, xa que dependerá da tipoloxía e da variedade de contidos e de aportacións das alegacións, aínda que nunha primeira análise detectouse que a meirande parte delas son do mesmo tipo e teñen un argumentario idéntico.
A práctica totalidade das alegacións foron presentadas, apuntan desde o Concello, na xornada de hoxe a través da plataforma contraria á fusión e de distintos partidos políticos de Cotobade. Os veciños de xeito individual só presentaron unha alegación, que foi rexistrada a semana pasada.
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, anunciou que todos os escritos "analizaranse "polo miúdo para coñecer as suxestións veciñais e aproveitar todas aquelas aportacións que poidan enriquecer o proxecto de fusión" e sinalou que agarda que haxa "unha gran variedade de opinións e de suxestións" a este proceso iniciado con Cerdedo.
En todo caso, deixou claro que o Concello vai ser, coma sempre, "rigoroso" nos procesos, no cumprimento da lei e no interese xeral de Cotobade e por iso "vai ler e analizar con calma cada alegación e emitir a correspondente e razoada resposta".
Desde a Plataforma Non á Fusión Cerdedo-Cotobade entenden que este volume de alegacións presentadas é un "éxito rotundo" na resposta veciñal contra este proceso.
Advirten que seguirán loitando "contra o atropelo que estamos sufrindo os cotobadeses", e animan aos veciños "a seguir na loita para defender a nosa dignidade e os nosos dereitos".
Os voceiros da plataforma aseguran que unha alta porcentaxe da poboación "se posicionou firmemente" en contra desta fusión, aínda que moitos deles "por presión ou por medo" decidiron non asinar alegación algunha.
"Sentímonos orgullosos de termos aberto un fondo debate social e propiciar a recollida das máis de 1.100 alegacións dándolle voz ás veciñas e veciños de Cotobade", aseguran desde a plataforma, que cuestionan o dito polo alcalde sobre o apoio veciñal a esta fusión.