As familias dos mariñeiros falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo, que afundiu o pasado 15 de febreiro en augas de Terranova (Canadá), presentaron a querela criminal contra dous dos sobreviventes e a casa armadora.
María José de Pazo, portavoz dos afectados, confirmou a PontevedraViva que as primeiras querelas presentáronse o pasado venres e ao longo desta semana, tras emendar erros nos poderes asinados polas familias, iranse rexistrando as restantes.
Todas estas querelas, unha por familia, aprecian indicios de 21 delitos de homicidio por imprudencia, delitos graves contra a saúde dos traballadores, delitos de falsidade documental e un delito de encubrimento.
As familias identifican como presuntos autores, aínda que en diferentes graos de responsabilidade, a dous dos sobreviventes, o patrón Juan Enrique Padín e o seu sobriño, Eduardo Rial, e a empresa armadora, Pesquerías Nores, con sede en Marín.
De Pazo explicou que as querelas están baseadas na investigación da Garda Civil sobre o naufraxio, os informes da Fiscalía nos que se aprecian indicios delituosos e os diferentes autos emitidos pola Audiencia Nacional.
"Hai indicios claros de criminalidade e así nolo aseguran os numerosos peritos cos que consultamos", sinalou a portavoz das familias, que confía en que a xustiza estableza "que nivel de responsabilidade ten cada un deles" no sucedido.
Esta querela contra os dous sobreviventes -os que apoiaron a versión oficial do naufraxio da que dubida a Fiscalía- e a casa armadora podería ampliarse en canto as familias accedan ao contido do segundo informe que está a elaborar a Garda Civil.
Este documento, segundo María José de Pazo, incluirá a investigación realizada a partir das declaracións ofrecidas por todas as partes, entre eles os tres sobreviventes, tras a súa chegada a España e a el "esperamos ter acceso moi pronto".
A investigación, en todo caso, "está coxa", segundo De Pazo, ata que o Goberno acceda a enviar medios ao pecio afundido para comprobar en que estado se atopa e poder solicitar probas que aclaren as causas do naufraxio.
Tras a oferta dunha empresa de Noruega que contactou coa Xunta de Galicia para ofrecerlles de forma gratuíta un robot e un soar de varrido lateral para baixar ao lugar do naufraxio, o Goberno "ten que mover ficha", subliña a filla do xefe de máquinas do Villa de Pitanxo.
"O tempo aprema porque habería que baixar en xuño e apenas queda tempo", reitera María José de Pazo, que espera que o presidente Pedro Sánchez ou a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, conteste á petición que de maneira reiterada fixeron as familias.
"NON SE EVIDENCIA A NECESIDADE DE BAIXAR"
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, asegurou este luns que a investigación da Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) "non evidencia a necesidade de baixar ao pecio para resolver o ocorrido".
"Non hai indicios de que sexa necesario e non se está plantexando", recoñeceu Miñones, que engadiu que se o xulgado que asuma a investigación declara que si é necesario "farémolo" e estudarase cal sería a mellor fórmula.
Con respecto á oferta que fixo a empresa norueguesa a través da Xunta, o delegado avanzou que era recibir "información real e veraz" sobre esta posibilidade para poder trasladala ao Goberno e poder estudar se ese robot "é válido para facer as medicións".
Mentres tanto, sentenciou José Miñones, "estamos centrados nas reunións pendentes", entre elas a prevista entre os responsables do centro de salvamento marítimo de Halifax (Canadá) e as propias familias dos mariñeiros falecidos.