Presentados os actos do Día de Galicia Mártir, nos que por primeira vez estará o conselleiro de Cultura

Poio
14 de agosto 2023

A presenza de Román Rodríguez foi confirmada este luns na presentación na Caeira dos actos polo Día da Galiza Mártir, que terán lugar o vindeiro xoves 17 de agosto

Presentación na Caeira dos actos polo Día de Galicia Mártir
Presentación na Caeira dos actos polo Día de Galicia Mártir / PontevedraViva

Os actos de homenaxe polo Día de Galicia Mártir, que terán lugar o vindeiro xoves 17 de agosto en Poio, contarán por primeira vez coa presenza do conselleiro de Cultura como representante del gobierno gallego.

A presenza de Román Rodríguez foi confirmada este luns polo alcalde de Poio, Ángel Moldes, na presentación dos actos celebrada fronte ao monumento erixido en homenaxe a Alexandre Bóveda na Caeira, o lugar no que o histórico político galeguista foi fusilado no verán de 1936, a principios da Guerra Civil.

"Está confirmada a presenza por primeira vez do conselleiro de Cultura, e queremos que sexa un acto de todos e para todos", explicou o rexedor defendendo que "estos actos vanse seguir facendo mentres nós esteamos no goberno", cumprindo así co compromiso alcanzado no seu momento coa Fundación Alexandre Bóveda.

"É importante nos tempos que corren de cirspación e falta de entendemento a figura de consenso que foi Alexandre Bóveda, creo que é moi importante para o noso Concello mandar esa mensaxe de respecto, de facer un Concello de todos", engadiu Moldes.

Pola súa banda o vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda e neto do histórico político, Valentín García Bóveda, afirmou que "xuntarnos é fundamental" para seguir reivindicando o legado de Bóveda e do resto de represaliados, dos que "aínda temos moito que aprender", ao tratarse dunhas figuras que son "patrimonio cultural do país, e como todo patrimonio merece ser explicado, dado a coñecer e valorizado. Por eso repetimos todos os anos desde o 43 que se instaurou unha homenaxe a Alexandre Bóveda máis ao resto dos mártires galegos que son patrimonio deste país".

O BNG REIVINDICA A 'INSTUCIONALIZACIÓN' DO DÍA

Ás portas da celebración aos mártires galegos o Bloque Nacionalista Galego (BNG) insistiu na importancia de institucionalizar a homenaxe desde a Xunta de Galicia.

"Dende o BNG temos o firme compromiso de manter na honra da súa memoria, os ideais e amor por Galiza. Así o fixemos cando gobernamos en Poio iniciando dende o ano 95 a celebración institucional do Día da Galiza Mártir, instaurando un monumento na Caeira para honrar a súa memoria e sendo o primeiro Concello en declarar a institucionalización do día 17 de Agosto como festivo en Poio. Por iso , un ano máis, queremos reivindicar a Xunta a institucionalización do 17 de Agosto como Día da Galiza Mártir en toda Galiza para honrar a Alexandre Bóveda e a todas as persoas perseguidas e asasinadas polo franquismo", sinalan desde a formación nacionalista.