Presentado o novo Programa Integrado de Emprego de Cuntis, Barro, Moraña, Portas e Caldas

Umia
04 de xaneiro 2023

Os alcaldes de Cuntis, Barro, Moraña e Portas presentaron este mércores o novo Programa Integrado de Emprego, que xestionarán conxuntamente con Caldas de Reis e que permitirá a 100 persoas acceder a accións formativas que melloren as súas competencias laborais e favorezan a súa inserción no mercado de traballo

Presentación do Programa Integrado de Empleo de Cuntis, Barro, Moraña, Portas y Caldas
Presentación do Programa Integrado de Empleo de Cuntis, Barro, Moraña, Portas y Caldas / Concello de Cuntis

Os alcaldes de Cuntis, Barro, Moraña e Portas presentaron este mércores o novo Programa Integrado de Emprego, que xestionarán conxuntamente con Caldas de Reis e que permitirá a 100 persoas acceder a accións formativas que melloren as súas competencias laborais e favorezan a súa inserción no mercado de traballo.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con fondos do Ministerio de Trabajo, subvenciona con 250.000 euros esta nova edición do programa e os concellos achegan os 65.000 euros restantes.

O Plan está orientado a persoas con perfís diversos, pero na actualidade xa só quedan prazas para desempregadas menores de 30 anos que poden solicitar a súa inclusión a través da súa Oficina de Emprego.  

O programa desenvolverase no Centro de Formación Ocupacional A Ran de Cuntis durante 11 meses e impartirán módulos transversais en materias como a igualdade, a prevención de riscos laborais ou a manipulación de alimentos, entre outros moitos, coa formación específica en materias como a hostalaría, o comercio, a soldadura ou o sector forestal.

O itinerario formativo do programa  inclúe unha parte importante de prácticas en empresas nas que o alumnado fortalece os coñecementos adquiridos nas aulas.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, considera que este programa é unha excelente ferramenta para mellorar a formación profesional desde un punto de vista práctico e titorizado, xa que permite aos alumnos beneficiarse das vantaxes de contar con docentes que deseñan un itinerario de procura de emprego individualizado segundo as circunstancias de cada participante. Por elo anima ás persoas desempregadas, sobre todo ás menores de 30 anos, a participar na selección de alumnos e a apostar pola súa formación.

Os responsables do desenvolvemento do programa contactan coas empresas do entorno para que o alumnado realice as prácticas nos seus centros de traballo, o que garantiu unha inserción laboral superior ao 52% dos participantes na pasada edición que está a piques de rematar. "Sabemos que perfil de traballadores necesitan as nosas empresas e focalizamos a formación en función da demanda existente", explica Campos.