As familias Bóveda, Caamaño e Paz presentaban este luns 18 de xaneiro, xunto ao seu equipo de avogados, no Consulado arxentino en Vigo as querelas contra o franquismo que se unirán á causa seguida pola xuíza Servini na Arxentina polos asasinatos acontecidos en agosto e novembro do 1936 en A Caeira (Poio).
Na formalización da querela estiveron presentes Amalia Bóveda Álvarez e Valentín García Bóveda, filla e neto de Alexandre Bóveda, dirixente galeguista fusilado no monte da Caeira o 17 de agosto de 1936; Begoña Caamaño Santos e Olga Caamaño Santos, netas de Amancio Caamaño Cimadevila, médico e presidente da Deputación nos anos 1932-1933, fusilado na Caeira o 12 de novembro de 1936; e 'Cano' Paz García e Anxos Paz García, netos de Ramiro Paz Carbajal, impresor e líder político pontevedrés fusilado na Caeira o 12 de novembro de 1936. Tamén estiveron presentes no acto representantes de CeaQua (Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina contra Crimes do Franquismo) e de Iniciativa Galega pola Memoria, así como a deputada provincial de Memoria Histórica María Ortega.
A querela, segundo explicou a avogada do equipo de Dereitos Humanos do Grupo de Avogados Novos de Vigo Irene Álvarez Francés, requiriu dun gran traballo de recompilación de datos e documentos. "Neste labor contamos con causas sumarísimas que poderían ter facilitado o traballo, pero conseguir certificados e outra documentación como cartas, fotografías ou outros elementos que puidesen probar a represión sistemática das familias que se adhiren á querela tivo as súas dificultades", subliñou.
Álvarez destacou a importancia da adhesión das familias á querela arxentina "basicamente porque nos atopamos nunha situación na que o Estado Español está a consolidar un sistema de impunidade porque non quere investigar e enxuizar os crimes de lesa humanidade cometidos durante toda a ditadura franquista e durante a transición", afirmou.
Subliñou que a formalización da querela, coa colaboración con CeaQua e a Iniciativa Galega pola Memoria, supón un paso que consolida o inicio das reclamacións en Galicia e permite avanzar e "recompilar máis casos, seguir nas pesquisas e loitar contra a impunidade e o silencio e esquecemento dos crimes cometidos de lesa humanidade nese período".
Valentín García Bóveda, neto de Alexandre Bóveda e membro da Fundación Alexandre Bóveda, explicou que "aínda que xa está demostrado que foron asesinados inxustamente", trala entrega no Consulado de toda a documentación poderase constatar formalmente no proceso xudicial aberto na Arxentina.
O obxectivo da demanda, destacou Bóveda, é que este proceso se converta "nunha vía de recuperación de dereitos colectivos non só de Paz, Caamaño e Bóveda, senón de todos os fusilados e represaliados e de toda unha sociedade que vive desmemoriada absolutamente".
Instou a que a querela sirva para animar a outras familias posto que, segundo explicaba, hai algunhas "que coñecen perfectamente que os asasinatos dos seus familiares foron inxustos e seguen con medo a tomar este camiño". "Que valga de revulsivo porque falamos de milleiros de casos, e iso tamén demostraría que non foron crimes individuais, senón crimes de lesa humanidade, colectivos, e que por suposto non prescriben, polo que a Lei da Amnistía non tería lugar", salientou.
Begoña Caamaño, neta de Amancio Caamaño, subliñou que a presentación da querela pretende "buscar xustiza para unha xente que foi asasinada por defender os dereitos dunha democracia contra un golpe militar". Tamén insistiu na crítica á Lei de Amnistía, da que dixo "non debeu ter saído así nunca", puntualizando que "non se busca unha venganza, pero si un recoñecemento da grande inxustiza que se fixo con toda esta xente".
'Cano' Paz, neto de Ramiro Paz, manifestou que a idea principal que o moveu a el e á súa irmá a presentar a querela é dar continuación ao labor do seu pai: "toda a vida intentando… buscando papeis, indo a rexistros, por un lado e por outro sen conseguir froitos". "Agora continuamos nós e imaxino, e agardo, que sigan as miñas fillas porque isto non vai rematar aquí. Estou seguro de que o Estado ten suficientes armas para ternos calados a nós e a outros moitos, polo que queremos recordar a todos os fusilados, represaliadas e toda a xente que sufriu penurias a raíz do golpe do Estado do 36", finalizou.
A deputada de Memoria Histórica María Ortega apuntou que é fundamental que sexa a xustiza a que recoñeza oficialmente que as condenas, os asasinatos, as torturas, ou as depuracións de galegas e galegos polas súas ideas "foron realmente crimes contra a humanidade" e non feitos individuais. Tamén criticou que a día de hoxe aínda non sexa posible encarar a represión nos tribunais españois, senón que é preciso agardar resultados dun xulgado arxentino ou de tribunais internacionais.