Os xardíns do Palacete das Mendoza acollían este luns a presentación da Estratexia Rías Baixas Turismo 61 por parte da Deputación de Pontevedra cos puntos crave para desenvolver un turismo sostible e respectuoso nos 61 municipios que forman parte da provincia.
Representantes municipais e do sector turístico acudían ao acto, baixo unha intensa calor, que iniciaba Nava Castro, deputada de Turismo, encargada de lembrar a celebración do vixésimo aniversario da inauguración do Palacete dás Mendoza como sede de Turismo Rías Baixas.
Sinalaba que o municipalismo será esencial na folla de ruta deste novo plan estratéxico coa intención de que se establezan ofertas durante todo o ano para o turismo.
Castro fixo referencia tamén ao sector como principal protagonismo ao sector turístico sen esquecerse da poboación: "queremos contar coa poboación, que é a que dá a benvida aos turistas", afirmou a deputada.
A continuación, José Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, expuxo que as Rías Baixas crecen nove puntos por encima da media galega como destino turístico, segundo os datos obtidos en xuño, situándose nun 15%.
Tras a súa intervención desenvolvíase a intervención de Javier Olleros, do restaurante Culler de Pau; Lorena Varela, xerente do Roteiro do Viño Rías Baixas; e Cesario Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia.
"Eu son moi do Jrove", chanceaba o cociñeiro Olleros, quen afirmaba: "necesitámonos todos. Todos temos que ir da man" apoiando a coordinación e cooperación coa intención de que o turismo se estenda a todo o ano: "o noso traballo está en como entender un proxecto para cociñar en todas as estacións, que veñan en novembro e decembro, que é cando está mellor o marisco".
Tamén propoñía "vender a choiva como un valor. Isto está verde porque chove".
Lorena Varela, pola súa banda, indicou que as adegas "se poden visitar os doce meses do ano" e recalcou que as Rías Baixas se han convertido no sexto roteiro do viño máis visitada en España, apoiando tamén a idea de que o "enoturismo combina con todo".
Cesáreo Pardal quixo destacar a importancia da "calidade de vida" que existe en Galicia. "Dámonos de conta cando saímos da nosa contorno. O turismo aporta moitísima riqueza ao noso territorio e queremos que se sinta identificado coa nosa forma de vida", admitiu.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, finalizaba as intervencións dando detalles sobre a Estratexia Rías Baixas Turismo 61.
Pediu unha "mirada de longa distancia para deseñar respostas de consenso" co obxectivo de que a calidade de vida sexa o atributo definitorio. "Queremos que o turista se integre e que os veciños manteñan os seus modos de vida", apuntou.
Esta estratexia presenta un orzamento de 45 millóns de euros para que "o turista máis que visitar viva como se fose de aquí" con oferta turística diversificada a través do plan de "camiños, castelos e camelias", aproveitando as ofertas deportivas, de auga e alternativas nocturnas.
Tamén se buscará acentuar o turismo de congresos promovendo a sustentabilidade, favorecendo humanización e coidado de espazos verdes, ademais de potenciar as competencias dixitais e os modelos de intelixencia artificial nos destinos turísticos.
A intención desde a Deputación é que toda a provincia se atopa identificada na marca Rías Baixas, explicaba López.
Por último, o presidente provincial convidou os asistentes a unhas "moi felices Rías Baixas. Os mellores días do ano están no mellor lugar do mundo, aquí".
O acto finalizaba coa actuación musical do artista Roi Casal acompañado polo guitarrista Alberto Romero. O músico de Catoira lembrou á figura do escritor Neira Vilas como promotor das Rías Baixas.