Tras un novo suceso protagonizado por persoas que habitualmente se concentran na contorna da praza da Ferrería, os veciños volven clamar por unha solución.
Manifestan que son xa moitos anos sufrindo insultos e ameazas por parte das decenas de persoas que habitualmente se refuxian nos soportais que discorren pola parte inferior da praza.
Unha muller que responde á inicial A. e un home cuxo nome comeza pola letra E., atenden a PontevedraViva pedindo ocultar a súa identidade por temor a represalias.
Ambos son veciños do edificio central da praza da Ferrería, o número 8, en cuxo baixo estivo en funcionamento ata decembro de 2017 a cafetería San Francisco. Ese é o momento que marca un antes e un despois para estes veciños.
Aseguran que co peche do negocio, a zona convértese en lugar de reunión para persoas, presumiblemente con adiccións, que adoitan proferir "ameazas graves" ao paso de calquera persoa que se adentre no edificio: residentes, persoas empregadas no servizo das casas ou mesmo repartidores de mensaxería.
Unha destas profesionais, que nos pide eliminar calquera tipo de dato que a poida identificar, comenta que só en contadas ocasións recibiu insultos. Con todo, cando ve ao grupo apostado xunto á entrada ás vivendas en actitude ameazante, dá media volta e regresa máis tarde, por temor a que alguén poida empuxala e aproveitar para introducirse no portal.
Incluso os residentes calculan as horas ás que poden abandonar ou regresar á súa vivenda. A. conta que cando sae a camiñar a media tarde procura volver acompañada para evitar un susto.
"A min incrépanme, achéganseme nun ton ameazante, tírannos cousas á porta, cospen, para entrar en casa teño que sortear defecacións e pises", relata a veciña. Lamenta un episodio recente cando regresaba á súa casa coa súa neta de 6 anos.
Unha destas persoas estaba a ouriñar diante do portal e, ao velas, non fixo ningún xesto para apartarse. Ante a súa postura desafiante, e temendo que esta situación se repetise, contactou coa policía local e a resposta deixouna máis impotente se cabe: "o policía díxome que mentres non se masturbe, este señor pode ouriñar na rúa".
"Eu como cidadá teño dereito a entrar na miña casa e a saír en condicións de salubridade e de seguridade", clama. Asegura que a policía local non se achega por esta zona e só a nacional comparece "en canto a chamas, pero ten que ser por un incidente grave". De momento, todos os sucesos ocorridos neste punto foron froito de pelexas entre as persoas que se reúnen nos soportais, nunca sobre un veciño. Con todo, os residentes teñen medo.
"Ou sexa, ten que haber unha traxedia para que o concello actúe!", exclama A. indignada. "O outro día o tipo que estaba a durmir aquí díxome: Vostede vive aquí? Pois prepárese porque lle vou prender lume á casa. Canto máis teremos que aguantar para que as autoridades fagan algo?".
Pola acumulación de ameazas, no último ano presentou numerosas denuncias, tanto ela como outros veciños. Quéixase de que cada vez que chama á policía lle piden que identifique as persoas que lle causan problemas. "Pero como vou identificar eu a uns tipos que non teñen nada que perder, son unha persoa maior e se me dan un golpe tíranme".
E. intervén con outra serenidade. Expón que moitas veces "dinme que me van rajar pero paso por diante deles e non me fan nada". No seu caso, é consciente de que ao ser home e con carácter estas ameazas non van ir a máis, pero non deixa de sentirse impotente ante o acoso ao que son sometidos e a falta de salubridade do acceso ás súas vivendas.
"Presentei unha denuncia contra dúas persoas, pero seguro que vai haber un xuízo e eles non se van a presentar"
"Eu identifiquei a dous porque un non pode vivir así. E onte (o luns 26 de febreiro) presentei unha denuncia contra dúas persoas, pero seguro que vai haber un xuízo e eles non se van a presentar", indica o veciño. A unha desas persoas sinálaa alén da praza, xunto ao paseo Antonio Odriozola, unha zona na que adoitan reunirse cando non chove. "Ves, seguen por aquí tan tranquilos, hoxe hai bo tempo e vanse á praza, pero se non, estarían aquí nos soportais todo o día".
Hai quince días, a fachada aparecía manchada con pintadas en represalia pola instalación por parte da comunidade de veciños dunha tubaxe que verte auga para limpar a entrada á vivenda. E. apunta que antes el baixaba cunha mangueira para baldear, pero ante as reiteradas defecacións que se atopaba, optouse por esta solución.
"Estas persoas entenderon que o faciamos para botalos, pero en realidade o que queremos é que esta zona estea limpa e evitar problemas de hixiene". Un punto crítico atópase no valo de obra que cobre a zona asoportalada do edificio contiguo, o número 9. "Esta lona íllanos máis, e ademais xa detectamos que aquí acazapados faise trapicheo".
Os problemas acumúlanse para estes veciños. Con todo, esta situación podería chegar ao seu fin a medio prazo. Un empresario interesouse por reabrir a cafetería. "Se abre a cafetería e retírase o valo de obra, esta zona volverá a encherse de vida".