Preparan actos de protesta contra o peche da oficina de Abanca en Campo Lameiro

Umia
13 de agosto 2021

O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, mantivo un encontro con comerciantes do municipio tras recibir a comunicación de Abanca anunciando a intención de pechar a súa oficina. Desde o goberno local queren organizar accións para amosar o rexeitamento a esta decisión que "atenta contra os habitantes no rural galego"

Carlos Costa, alcalde de Campo Lameiro, analiza co sector empresarial o peche da oficina de Abanca
Carlos Costa, alcalde de Campo Lameiro, analiza co sector empresarial o peche da oficina de Abanca / Concello de Campo Lameiro

Comerciantes e empresarios de Campo Lameiro, convocados con urxencia, reuníanse no Salón de Actos do Centro Sociocultural Sobrino Buhígas co alcalde e representantes municipais para analizar as medidas que o Concello quere adoptar ante o "sorpresivo anuncio" do peche das oficinas de Abanca no municipio.

Carlos Costa, alcalde de Campo Lameiro, entende que hai que facer fronte a esta decisión empresarial unilateral porque deixará sen ningunha entidade financeira ao municipio. Lembra que existe unha alta porcentaxe de residentes con idades avanzadas, pensionistas na súa gran maioría que reciben a súa prestación económica a través de Abanca realizando as retiradas por portelo. 

O rexedor lembra que a fenda tecnolóxica afecta directamente a este colectivo de persoas maiores e esta decisión de pechar a sucursal conlevará graves consecuencias sociais.

Por este motivo, desde o goberno local queren coordinar medidas de defensa ante esta decisión coa posibilidade de iniciar accións de protesta.

Este venres está convocada unha Xunta de Portavoces municipais para convocar un pleno extraordinario de repulsa e trazar liñas de actuación con mobilizacións coordinadas entre todos os grupos políticos. Carlos Costa considera que a actuación de Abanca atenta directamente contra os habitantes do rural galego xa que esta empresa decidiu eliminar sucursais noutros puntos como Carballedo en Cerdedo-Cotobade; Seixo, en Marín; Campelo, en Poio ou Carril e Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa.