Un camión con material recadado pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea partirá na noite deste xoves 10 de marzo con destino a Ucraína.
O tenente de alcalde da Lama, David Carrera, foi o encargado de facer entrega aos membros da Agrupación de Voluntarios deste primeiro cargamento de axuda humanitaria.
Os voluntarios encheron un furgón co material achegado por veciños e veciñas da Lama coa intención de incorporalo a un camión con diferentes doazóns coordinado por esta agrupación entre os concellos do seu ámbito de actuación, é dicir, Mondariz, Fornelos de Montes, Mondariz-Balneario, Covelo e A Lama, para ser distribuído a través de organismos de recoñecida solvencia no ámbito da atención humanitaria en Ucraína.
Entre o material recollido na Lama figuran mantas, medicamentos, alimentos para bebés, gasas, cueiros, auga osixenada, alcol, leite en po, conservas e alimentos non perecedeiros e de longa data de caducidade, entre outros.
A RECOLLIDA DE AXUDA SEGUE ACTIVA
O tenente de alcalde, David Carrera, agradeceu aos voluntarios de Protección Civil o traballo que están a realizar para socorrer ás vítimas da guerra de Ucraína e tamén valorou o espírito solidario dos veciños e veciñas da Lama que desde o primeiro momento se amosaron interesados en aportar axuda humanitaria para acudir en auxilio das vítimas deste conflito.
Carrera sinalou que este é o primeiro envío urxente, pero que se seguirá recollendo axuda humanitaria para seguir trasladándoa á xente que o precisa ben sexa, como nesta ocasión, a través de Protección Civil ou ben por outros medios, como a través de organismos de solvencia humanitaria acreditada ou da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).