A Garda Civil ten constancia de 3 roubos con forza producidos na madrugada deste venres en distintas vivendas da parroquia de Viascón, no concello de Cerdedo-Cotobade.
Segundo fontes oficiais do Instituto Armado, os ladróns entraron pola fiestra e levaron cartos e xoias, pero ata o momento non teñen ningunha denuncia interposta.
O voceiro do BNG en Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, expresou a súa "máxima preocupación" por esta "vaga dos roubos".
"Estes feitos teñen á veciñanza alarmada e moi preocupada" polo que o voceiro do BNG, Ernesto Filgueira, contactou coa Comandancia da Garda Civil de Cerdedo para trasladarlles os temores da veciñanza e para solicitarlles, que "na medida das súas posibilidades físicas e materiais, intensifiquen a súa presencia polas parroquias como medida disuasoria".
Filgueira agradeceu "a rápida actuación e resposta dos axentes da Garda Civil de Cerdedo e a súa preocupación polos problemas que afectan á seguridade da veciñanza".
A maiores, Ernesto Filgueira, pide colaboración á veciñanza para que informen inmediatamente se perciben movementos fóra do normal e manteñan os seus portais e e accesos ás vivendas pechadas.