Preocupación veciñal polo fume de Pontesa: "Pícanme os ollos e a garganta. Non podo saír da casa sen máscara"

Pontevedra
16 de novembro 2022

Pilar leva unha semana sen poder saír da casa con tranquilidade. Reside en Paredes (Vilaboa), nunha vivenda desde a que se ve a nave da antiga fábrica de Pontesa, e, desde tres días despois do devastador incendio nas instalacións, o fume que lle chega desde alí xéralle molestias e preocupación pola posible contaminación con amianto

Pilar, veciña de Paredes afectada polo fume de Pontesa
Pilar, veciña de Paredes afectada polo fume de Pontesa / Mónica Patxot

Pilar leva unha semana sen poder saír da casa con tranquilidade. Reside en Paredes (Vilaboa), nunha vivenda desde a que se ve a nave da antiga fábrica de cerámicas de Pontesa, situada a curta distancia, e, desde tres días despois do devastador incendio nas instalacións, o fume que lle chega desde alí xéralle molestias e preocupación pola posible contaminación con amianto.

Non empezou o propio día do incendio, o domingo 6 de novembro, senón o mércores seguinte, o día 9. Ese día, o vento sopraba de tal forma que o fume que segue saíndo da nave e acumulouse encima do mar empezou a chegar á súa casa. Con el, proídos nos ollos e a garganta e un cheiro insoportable que lle obriga a utilizar máscara para protexerse.

Desde entón, cada vez que o vento sopra en dirección á súa casa, repítense estes episodios. "Non podo saír de de casa sen máscara. Teño máscaras en todas as partes da casa", explica.

Este mércores, por exemplo, levantouse con proído de garganta e un malestar e unha carraspeira que se lle nota na voz. Cando isto pasa, o fume chega á súa casa e "pícanme os ollos e a garganta".  "É unha cousa fóra de serie", engade.

Ademais do malestar que isto lle provoca na súa vida diaria, tamén lle trae preocupación, poi afecta a toda a poboación da zona e, entre eles, está o seu marido, que ten unha discapacidade do 98%, que están agora expostos á posible contaminación por amianto derivada da presenza deste material no tellado da nave. 

"É unha zona con moitas persoas maiores e todos estamos igual", sinala, aínda que a súa casa é a que máis exposta está, pois a nave está xusto enfronte e é a primeira á que chega o fume arrastrado polo vento. 

A súa preocupación tamén se estende ao marisqueo, un tema que lle toca moi de preto porque foi mariscadora de profesión ata que se xubilou (ten na actualidade 69 anos). "Cando chove, onde vai o amianto?. Á ría, ao mar", explica. E teme que poida afectar á riqueza e salubridade do banco marisqueiro.

Pilar explica que trasladou esta preocupación ao 112 Galicia e ás policías Nacional e Local e indicáronlle que os bombeiros seguen acudindo á nave e que non se pode sacar de alí o gran, "que ten que arder alí". A única solución que lle deron foi que marchase de casa durante o tempo que dure esta situación e logo reclame os gastos, pero isto implicaría meterse en gastos e xulgados e non é partidaria de facelo, sobre todo porque "teño a unha persoa cun 98% de minusvalía en casa". 

A súa queixa é xeral, dirixida a todas as administracións e, en especial, á sanitarias, pois "ninguén está a facer nada, nin pola nosa saúde nin polos mariscadores". 

Pilar tamén mostra a súa preocupación tamén polos efectos a longo prazo para toda a poboación de Paredes, Ponte Sampaio e Arcade (Soutomaior) exposta ao fume que sae da nave en función de cara a onde sopre o vento, pois "esa atmosfera, non o vemos, pero non sabemos o que pode ter a longo prazo". "A atmosfera está contaminada", asegura convencida e preocupada. 

No seu caso, chegou a afectar mesmo a como usa a súa casa, pois "teño un soto que ten un cheiro insoportable, xa non vou abaixo" e "o coche, como deixes o portelo aberto... pois xa está...", en alusión a que logo resulta imposible entrar polo cheiro e o proído que xera. 

A esta preocupación súmase tamén o impacto emocional que tivo nos veciños da zona ver arder a nave de Pontesa, pois ela nunca traballou alí, pero si o seu pai, as súas tías, as súas curmás e moitos veciños. Nesa zona de Paredes, "pais, fillos, sobriños, todos pasaron por Pontesa", miles de persoas, lembra

Arquivado en