Preocupación nos sindicatos sanitarios ante o incremento progresivo de casos de gripe

Pontevedra
14 de xaneiro 2025

Responsables sindicais sinalan que a situación durante a fin de semana foi de "saturación" pero "sen agobios". Coa chegada do frío prevén un pico que poida colapsar urxencias a finais desta semana

Unha persoa entra no Centro de Saúde Virxe Peregrina
Unha persoa entra no Centro de Saúde Virxe Peregrina / Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés enfróntase a un notable incremento de casos de gripe, con previsións que apuntan a un pico máximo durante a próxima semana, segundo coinciden en sinalar os representantes sindicais do sector sanitario na área de Pontevedra e O Salnés.

Durante a fin de semana rexistráronse momentos de "saturación" en Urxencias do Hospital Montecelo pero "sen agobios", segundo fontes sindicais.

Xa se atopa habilitada a sala polivalente para dar cobertura a persoas con infeccións respiratorias que chegan a Montecelo, á espera do seu ingreso en planta. Manoli Martínez, delegada sanitaria de CCOO, afirma que este servizo ponse en marcha para facer fronte ao "overbooking" que se rexistra normalmente no servizo de Urxencias nestas datas.

Jorge Castelo, delegado de CSIF, indica que o servizo de Urxencias experimenta maior presión principalmente durante as tardes, mentres que Begoña Mallo, da CIG, detallaba que, a primeiras horas deste luns, o servizo permanecía "tranquilo" aínda que con oito persoas á espera de determinar o seu ingreso.

Os representantes dos sindicatos sanitarios temen que se rexistren situacións de "colapso" a medida que chegue a próxima fin de semana e ata mediados de febreiro co aumento de frío.

"Aquí a cousa está en camiño de subida. Aínda non chegamos ao pico máximo, estamos un pouquiño máis lento que o resto de España", recoñece Emma Rodríguez, secretaria provincial de SATSE.

Sinalan que é complicado evitar que os pacientes acudan a Urxencias ante casos de gripe debido aos longos tempos de espera para lograr cita en Atención Primaria.

Begoña Mallo cita especificamente o caso do Centro de Saúde de Marín, onde algúns pacientes tiveron que agardar ata quince días para seren atendidos polo seu médico de familia, o que provoca que moitos opten por acudir directamente a Urxencias.

Os profesionais sanitarios están a detectar principalmente durante este mes de xaneiro tanto casos de Gripe A como de Gripe B.

A xerencia especifica que a cepa de gripe B presente nos casos hospitalizados está incluída na vacina actual, aínda que advirten que isto podería cambiar nas próximas semanas cando se agarda o maior "pico" de casos.

CRÍTICAS Á XESTIÓN DAS VACINAS

Todos os representantes sindicais consultados coinciden en sinalar un descenso no número de vacinas administradas nesta campaña tanto de gripe como de Covid, incluso entre o persoal sanitario.

"Parece que xa estamos inmunizados e non é así", laméntase Begoña Mallo, delegada da CIG.

Encina Chayán, delegada de UGT, critica a xestión da campaña de vacinación: "Fíxose moita política, pero pouca xestión".

Segundo explica, o erro foi establecer puntos de vacinación externos en lugar de aproveitar a estrutura dos centros de saúde de Atención Primaria, onde o persoal de enfermaría tradicionalmente realizou un "labor efectivo de captación" de pacientes.

Xornada de vacinación de gripe e covid no edificio da Xunta
Xornada de vacinación de gripe e covid no edificio da XuntaMónica Patxot

PLAN DE CONTINXENCIA

A xerencia da área sanitaria activou o Plan de Inverno 2024-2025, que inclúe o reforzo das diferentes quendas nos servizos de Urxencias e ampliación da campaña de vacinación ata o 31 de xaneiro.

As persoas que o desexen poden vacinarse en:

  • Hospital Montecelo (Pontevedra): luns a sábados de 9 a 14 horas

  • Hospital do Salnés (Vilagarcía): luns, mércores e sábados de 9 a 14 horas

Os servizos de Medicina Preventiva, Medicina Interna, Urxencias e Pneumoloxía da área sanitaria recomendan o uso de máscara cirúrxica en espazos pechados, lavado frecuente de mans, precaucións especiais para maiores en contacto con nenos, permanecer na casa ata 24 horas despois de que desapareza a febre e evitar o contacto estreito con persoas de risco.